A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) vén de presentar un estudo sobre o estado de saúde do tecido produtivo provincial, poñendo o foco nas súas posibilidades de ter actividade plena nos mercados internacionais a través (en boa medida) dunha intensa actividade tecnolóxico-dixital. A investigación, entre outros datos de valor, sinala que a Deputación de Lugo é “unha peza clave para a internacionalización das empresas”. Este proceso de asentamento en novos escenarios máis alá dos ámbitos galego e estatal é un proceso que guinda os mellores agoiros para os anos vindeiros: se ben a provincia está á cola das exportacións en Galicia, Lugo mellorou a súa posición nos mercados internacionais ao longo da última década cunha máis que meritoria taxa do 30,55%.
O estudo foi presentado hoxe pola Deputación e a Confederación de Empresarios, nun acto no que ambas entidades aproveitaron para formalizar a sinatura dun convenio de colaboración por importe de 130.000 euros, cuxa finalidade será “fortalecer e facer máis competitivo o tecido empresarial de todos os concellos”, dixo o presidente provincial, José Tomé, que salientou “o importante papel das empresarias e empresarios na xeración de emprego e na dinamización da economía”, engadindo que a fórmula do impulso pasa sen dúbida polos plans de emprego, a formación e o apoio á innovación e ao emprendemento. “Na Deputación”, dixo, “temos en marcha a día de hoxe proxectos deste tipo cun investimento de 7,4 millóns de euros e con medio milleiro de persoas beneficiarias”.
Na presentación, o presidente estivo acompañado polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios, Jaime López, quen situou á Deputación de Lugo como “unha peza chave para a internacionalización das empresas lucenses”, tendo en conta ademais que Lugo “polo momento non pode acceder de xeito directo ás axudas do Plan FOEXGA que xestionan as Cámaras de Comercio”. O secretario xeral da CEL engadiu que se ben Lugo é a cuarta provincia exportadora en Galicia, mellorou a súa posición internacional na última década, acadando grandes resultados anuais, como por exemplo o de 2015, no que foi quen de exportar mercancías por valor de 1.174,41 millóns de euros. Segundo o estudio, existe un volume de exportación estable en torno aos 670 millóns nos últimos anos.
Entre as conclusións, o estudo apunta que “para seguir mellorando a situación do sector exterior e recuperar o ritmo de crecemento de anos anteriores, a provincia de Lugo debe diversificar mercados e produtos, incentivar ás novas empresas para acceder aos mercados internacionais, dotando de músculo financeiro ás que teñen vocación exportadora”. O informe tamén recomenda “fomentar a entrada en mercados con potencial, aproveitar as vantaxes de atopar bos socios locais nos mercados de destino das exportacións e participar nos múltiples plans, axudas e subvencións dispoñibles”.
A Deputación de Lugo confirma o seu papel decisivo na innovación e internacionalización das empresas
Compartir Este Artigo

