
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que este contrato pretende velar pola evolución de Internet, “o maior e máis democratizador e transcendental invento da humanidade”. Suárez tamén salienta que que a finalidade deste acordo é garantir a neutralidade no uso da Rede “como unha forza para o ben”, no que as empresas deberán respectar a privacidade dos datos dos consumidores e os gobernos garantir que todos teñan acceso a Internet.
Fernando Suárez enxalzou tamén o papel relevante da ética profesional como “un dos elementos esenciais para a consecución e sustentabilidade da Sociedade da Información e o Coñecemento”, ao tempo que puxo o foco na necesidade “de aplicar principios éticos no ámbito das Tecnoloxías da Información, sobre todo en aquelas actividades e servizos de interese xeral, sempre buscando o consenso entre todas as partes implicadas e a implantación de mecanismos de autorregulación”. Estes eixos de actuación, engade, están recollidos no Código Ético e deontolóxico da profesión redactado este mesmo ano polo Consejo General de Colegios de Ingeniería en Informática de España.
Fronte común e nove principios básicos
Neste Contrato para a Web, gobernos, empresas (entre as que xa se atopan Microsoft, Google ou Facebook) e cidadáns comprométense con nove principios básicos, cun total de 76 cláusulas, para axudar a protexer a Internet aberta “como un ben público e un dereito básico para todo o mundo”.
Os gobernos deberán comprometerse con tres principios fundamentais:
1. Asegurarse de que todo o mundo poida conectarse a Internet, de maneira que calquera persoa, sen importar quen sexa ou onde viva, poda participar activamente en liña.
2. Facer que a totalidade de Internet estea dispoñible en todo momento, para que a ninguén lle sexa negado o dereito a gozar dun acceso completo a Internet.
3. Respectar e protexer os dereitos básicos da persoas sobre os seus datos e a súa privacidade na Rede, co fin de que todo o mundo poida usar Internet libremente de forma segura e sen medo.
As empresas, pola súa banda, deberán comprometerse con tres principios fundamentais:
4. Facer que Internet sexa accesible e alcanzable para todo el mundo, para que ninguén fique fóra do uso e o desenvolvemento da Web.
5. Respectar e protexer a privacidade e os datos persoais, co fin de xerar confianza na Rede, para que as persoas teñan o control sobre as súas vidas en Internet e que conten con opcións claras e relevantes no relativo aos seus datos e a súa privacidade.
6. Desenvolver tecnoloxías que promovan o mellor da humanidade e contribúan a mitigar o peor, para que a Web sexa realmente un ben público onde prevaleza o interese das persoas.
A cidadanía deberá comprometerse con tres principios fundamentais:
7. Crear e colaborar na Web, para que esta teña un contido rico e relevante para todos.
8. Construír comunidades sólidas que respecten o discurso civil e a dignidade humana, para que todo o mundo se sinta seguro e benvido na rede traballando por unha Web máis inclusiva.
9. Loitar pola Web, para que siga sendo aberta e un recurso público global para as persoas de todo o mundo, agora e no futuro, mediante o exercicio dunha cidadanía activa na Rede.
O CPEIG adhírese á iniciativa internacional para preservar os principios da Rede: o Contrato para a Web
Compartir Este Artigo

