O Consello da Cultura Galega presentou hoxe unha web para conmemorar o nacemento do noso audiovisual tal e como o coñecemos, hoxe en día revitalizado e xustamente reivindicado con tres filmes nosos en cartel, os tres compartindo magníficas críticas e os tres acadando un importante éxito de público: O que arde de Oliver Laxe, Longa Noite de Eloy Enciso e Eroski Paraíso de Jorge Coira e Xesús Ron. Pois ben, a páxina presentada polo CCG, celebra de entrada outra tripla confluencia cinematográfica: a coincidencia no tempo, hai trinta anos, das estreas doutros grandes fitos audiovisuais galegos: Urxa, Continental e Sempre Xonxa.
Baixo a premisa da relevancia capital destes tres filmes de 1989 para a nosa historia contemporánea, o Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), botou a andar un espazo web que pon a disposición do público durante un ano este patrimonio audiovisual, contextualizado con outros recursos e materiais didácticos.
Segundo explica o CCG, o proxecto dixital pretende dar a coñecer as claves da linguaxe audiovisual, pero tamén o contexto social e cultural, no que se colleron corpo Urxa, de Carlos L. Piñeiro e Alfredo García Pinal; Continental de Xavier Villaverde; e Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro.
Na páxina, da man da unidade didáctica elaborada por José Antonio Cascudo analízanse “como estres tres filmes trataron temas moi relacionados coa nosa cultura como son a emigración, o papel da muller, o imaxinario e a fantasía popular, a relación coa literatura ou a propia Guerra Civil”, explica o Consello da Cultura, engadindo que a iniciativa ten o engadido extra de permitir a visualización de balde das tres pezas durante un ano, así como o acceso a material complementario. No marco da colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, o portal de divulgación cultural Culturagalega.gal está a publicar unha serie de reportaxes sobre estas tres longametraxes, mentres que a Radio Galega elaborará varios podcast co making of, anécdotas e curiosidades da creación destes filmes.
O proxecto que arrinca hoxe coa dita web irá incorporando novos materiais ao longo do mes de xaneiro.
O CCG e a CRTVG celebran cunha web os trinta anos das tres primeiras longas do noso cinema
Compartir Este Artigo

