O Centro Demostrador TIC da AMTEGA vén de publicar na súa web unha nova aplicación na nube dentro do CDTIC Virtual, que xa está a disposición das empresas e das persoas interesadas para a súa proba e avaliación. Trátase de Taiga, unha plataforma libre e de código aberto deseñada para axudar na planificación e na xestión de proxectos empregando metodoloxías áxiles.
Entre as funcionalidades máis destacadas desta aplicación atópanse a posibilidade de crear proxectos baseados en Scrum e Kanban, nos que poderemos xestionar tarefas e issues, ter a documentación en liña cun sistema baseado en wiki e dispoñer de todo integrado con plataformas como GitLab, GitHub, Slack, así como gozar da posibilidade de realizar videoconferencias.
Aplicacións na nube a través do CDTIC Virtual
A través do CDTIC Virtual, as empresas, as organizacións e as persoas usuarias que o desexen poden probar e avaliar aplicacións a través dun servizo na nube nun contorno privado.
As vantaxes desde servizo son que proporciona unha infraestrutura tecnolóxica xa configurada para probar a solución, sen necesidade de dispoñer dela nin de contar co tempo dun administrador de sistemas e de recursos informáticos. Deste xeito facilítase que as empresas poidan coñecer e avaliar a utilidade e a adecuación ás súas necesidades das solucións ofertadas.
Ata o momento, as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual, ademais de Taiga, son Alfresco, orientada á xestión documental empresarial; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións coa clientela para organizacións do eido social; Prestashop, unha aplicación do sistema de comercio electrónico; NextCloud, un servizo de almacenamento e compartición de ficheiros na nube; Zabbix, unha solución de monitorización de redes; FacturaScripts, un software de planificación de recursos empresariais e de administración da relación coa clientela; e tenda en liña con WordPress.
As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como usuarias do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou as aplicacións que sexan do seu interese.

