Deputación de Pontevedra vén de obter un importante recoñecemento en materia dixital. Trátase da relevante puntuación obtida pola súa web, www.depo.gal, no máis recente informe sobre tecnoloxías sen barreiras feito polo Observatorio de Accesibilidade do Ministerio de Política Territorial e Función Pública. Segundo este estudo, a páxina da institución provincial galega obtería unha valoración de 9,98, que a situaría como a web máis accesible das administracións locais de Estado.
Segundo explican fontes da entidade provincial, a distinción é froito dun completo traballo en materia de accesibilidade, co fin de adaptar o portal aos postulados do Real Decreto 1112/2018 e convertelo nun “portal máis perceptible”. En detalle, o Goberno provincial apostou por reconfigurar www.depo.gal para achegar un espazo en liña libre de barreiras e “comprensible, facilitando que as páxinas web se poidan utilizar polo maior número de persoas, con independencia dos seus coñecementos, capacidades persoais e características técnicas dos equipos empregados para acceder a Internet”.
A Deputación tamén destaca que, neste intres, o portal www.depo.gal está facultado para poder ser consultado en lectores de pantalla que empreguen persoas con limitacións visuais, ademais de ofrecer unha versión de alto contraste e tamaños de textos acordes cunha recepción óptima e a posibilidade de desactivar os estilos que dificulten a percepción dos contidos.
O estudo impulsado polo Observatorio de Accesibilidade do Ministerio de Política Territorial e Función Pública analizou en total 199 entidades públicas da Administración local e 49 deputacións provinciais.
O portal da Deputación de Pontevedra, líder estatal en accesibilidade
Compartir Este Artigo

