O Goberno galego comezou o ano facendo balance da actividade xerada polo Expediente Xudicial Electrónico, implantada en 2018 co obxectivo de achegar a maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios unha ferramenta única (e muldispositivo) que lles permita a consulta en liña de calquera expediente xudicial. Segundo fai saber a Xunta, estas consultas incrementáronse nun 130% o ano que vimos de deixar atrás. En total, foron máis de 92.100 consultas, fronte ás 40.000 rexistradas en novembro de 2018.
O visor, solución implantada desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos, é unha das mediadas para a implantación do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia, que están a levar a cabo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en colaboración cos profesionais do ámbito xudicial galego.
Máis fitos
Amais das novidades relacionadas co visor, a sede electrónica xudicial deparou máis fitos no ano que vimos de deixar atrás. Por exemplo a posibilidade (dende abril en xulgados de Lugo e Pontevedra) de descargar as gravacións das vistas das que son parte avogados e procuradores a través da eSede. Segundo lembra AMTEGA, a posta en marcha deste novo servizo online evita aos profesionais ter que acudir ao xulgado para recoller a gravación nun soporte físico. Até novembro ano realizáronse máis de 76.800 gravacións de vistas nos xulgados galegos.
A sede electrónica xudicial entrou en funcionamento a finais de 2016 e desde entón foi incrementando os servizos dispoñibles co obxectivo de “consolidarse como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos en liña do ámbito xudicial”. Un dos máis recentes habilitados foi a presentación dos procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. Ata novembro, xa se presentaron un total de 1.372 escritos en liña.
O Expediente Xudicial Electrónico xa foi obxecto de 92.100 consultas online
Compartir Este Artigo

