SmartPEME, a rede da Deputación de Pontevedra para a capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da provincia, comezou 2020 con novas e relevantes citas formativas encamiñadas a facer avanzar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, achéganse en xaneiro 20 novas accións a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas (sete), Vigo (seis) e Porriño (sete). A estas citas cómpre sumar as sete previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e outras tantas (sete, tamén) en Cambados, ás que hai que engadir sete obradoiros máis en Lalín.
En total, 41 obradoiros dados a coñecer polo de agora sobre as máis diversas materias TIC (visualización en buscadores, turismo dixital, ofimática avanzada, mercadotecnia online, creación de webs e aplicacións, etc), aos que haberá que engadir en breve os de Barro, onde tamén funciona un punto SmartPEME. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.
Máis datos que cómpre saber sobre SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
SmartPEME comeza 2020 con máis de 40 novos obradoiros TIC
Compartir Este Artigo

