Innovación, investigación, tecnoloxías, cooperación e oportunidades empresariais para a xente nova. Esta é a fórmula básica da plataforma Alcinder para combater un dos principais problemas sociais, económicos e demográficos da nosa terra: o despoboamento continuo do rural.
Alcinder é un proxecto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentado o pasado mes de novembro e do que onte soubemos máis detalles concretos, por exemplo o seu marcado carácter multidisciplinar (abrangue múltiples eidos de acción e unha manchea de eidos empresariais, todos eles cinguidos e sustentados coa corda da innovación e as tecnoloxías). Alcinder xorde ademais para medrar: o seu obxectivo principal é sumar novas empresas, grupos de investigacións e axentes sociais de áreas afectadas. Porá o foco (primeiramente) en Galicia, Castela e León e Asturias.
A plataforma foi posta en marcha polo CSIC xunto con empresas e fundacións de diversos sectores (quince empresas e tres fundacións) e unha manchea de grupos do consello superior procedentes das máis dispares contornas de investigación. O proxecto está coordinado polo Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia. Un dos seus cometidos básicos será fornecer oportunidades para a posta en marcha de “microindustrias rendibles” que mesturen “tecnoloxía punteira, recursos naturais, agrícolas e gandeiros, cultura, paisaxe e capital humano”. As liñas de traballo abranguen estes eidos de actividade: informática, telecomunicacións, mecánica, robótica, ciencias agrarias, veterinaria, acuicultura, química, saúde, farmacoloxía, alimentación, enerxías limpas, arte, historia ou ciencia política, entre outras moitas disciplinas de traballo.
O CSIC combaterá o despoboamento galego con oportunidades de emprendemento innovador
Compartir Este Artigo

