O delegado de Estado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, visitou hoxe a sede da empresa Nort3D, especializada en enxeñaría e, tamén, en traballos avanzados de impresión 3D. A visita inseriuse no programa de encontros da entidade viguesa para coñecer de primeira “as necesidades das empresa emprazadas en parques da Zona Franca”.
Nort3D atópase, precisamente, no complexo empresarial que impulsa o Consorcio no Porto do Molle, e forma parte, tamén, da aceleradora BFA Business Factory Auto que impulsa a axencia galega GAIN. Óscar García e Gonzalo Piñeiro, directivos de Nort3D, explicaron a Regades que a actividade da firma está enfocada ás tecnoloxías 3D con dous eixos de especialización, un na división médica e outro na industria do motor.
En termos máis concretos, Nort3D mostrou os seus innovadores sistemas de amarre mixtos para o movemento de pezas, baseados en tecnoloxía magnética e en fabricación aditiva.
Os seus responsables tamén lembraron que participan no programa de startups da operadora de telecomunicacións R, iniciativa composta por varias empresas galegas tecnolóxicas de recente creación. Igualmente, puxeron o foco noutro dos seus principais eidos de actividade actuais: o desenvolvemento de próteses humanas aplicadas á odontoloxía e cirurxía. O delegado comentou cos xestores da empresa que “este ano será o momento en que vexamos o verdadeiro potencial da impresión 3D e a fabricación dixital en todas as industrias”.
David Regades visita a sede dun referente galego en fabricación dixital: Nort3D
Compartir Este Artigo

