O pasado venres o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA)/Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación (AGGETT) celebrou o seu primeiro ForoTelecos en Vigo, xornada na que desenvolvéronse varios relatorios e presentacións que concluíron coa entrega dos primeiros Premios Enxeño, nos que salientaron o traballo da AMTEGA, a Área de Telecomunicación do Corpo Nacional de Policía e Televés, como entidades, ao mellor expediente académico, ao Enxeñeiro do Ano, ao Enxeñeiro Senior e tamén un galardón a Marcus Fernández, pola difusión das telecomunicacións e polo achegamento á sociedade das TIC, premio que entendemos que serve en boa medida para recoñecer o traballo desenvolvido durante preto de 19 anos dende Código Cero, publicación que dende a Internet e a súa edición impresa busca comunicar en galego sobre tecnoloxía e tamén quere centrar o foco sobre o sector TIC galego, do que o COETTGA é unha boa mostra.
Queremos agradecer o galardón recibido polo Colexio e a Asociación, que salienta un traballo que non podería ser posible sen o apoio de numerosas entidades e profesionais durante todos estes anos, así como dun nutrido colectivo de lectores que demostran que existe unha demanda de información sobre as TIC na nosa lingua.
Premio Enxeño 2019 pola promoción e difusión das telecomunicacións
Compartir Este Artigo

