O arranque do ano en Narón será ante todo un arranque tecnolóxico. Segundo informou o Concello, a aula CeMIT de Xuvia vai dar acollida a sete cursos que se impartirán entre os meses de febreiro e outubro. Así o avanzou os días pasados a concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, sinalando que o prazo para as inscricións xa está aberto dende o 24 de xaneiro. As persoas interesadas en inscribirse (hai doce prazas para cada unha das accións formativas) deben facelo na plataforma CeMIT.
Hermida indicou que os cursos previstos son: Ofimática, curso preparatorio exame Codix (240 horas), que se impartirá en horario de mañá entre o 3 de febreiro e o 30 de abril; Internet e informática básica (160 horas), polas tardes do 3 de febreiro ao 31 de marzo; Ofimática avanzada (160 horas), polas mañás entre o 4 de maio e o 30 de xuño; Edición de imaxes con GIMP (80 horas), en horario de tarde e do 4 ao 29 de maio; Internet e as súas utilidades seguras (84 horas), polas tardes do 1 ao 30 de xuño; Contabilidade e RRHH (172 horas), en horario de tarde do 1 de setembro ao 30 de outubro, e outro sobre Ofimática, curso preparatorio exame Codix (172 horas), en horario de mañá entre o 1 de setembro e o 30 de outubro.
“Na aula CeMIT ofértanse oitenta e catro prazas para estes sete cursos, que suporán en conxunto algo máis de mil horas formativas dirixidas a calquera persoa interesada en formarse sobre novas tecnoloxías”, apuntou Hermida.
Narón achega á cidadanía sete cursos para facer avanzar a alfabetización dixital
Compartir Este Artigo

