Leticia López-Castro, investigadora do grupo Esculca da Universidade de Santiago vén de desenvolver un moi interesante traballo sobre as orixes do ciberacoso e as metodoloxías a aplicar para pórlle freo. Segundo fai saber na súa investigación, unha tese de doutoramento con mención internacional que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude, a orixe do ciberacoso está na contorna máis próxima das persoas que o practican: nos seus fogares.
É aí, por omisión e descoñecemento por parte das familias, onde comezan a coller corpo prácticas que logo serán prexudiciais non só as vítimas das agresión, senón tamén para quen as perpetra. “As familias descoñecen o que fan os menores cando acceden á Rede, por máis que estes se conecten na casa”, sinala a investigadora, engadindo que só un “6% dos proxenitores saben que os seus fillos foron vítimas deste fenómeno”.

Asemade, sinálase que o 41% das nais e dos pais informa de que os menores conéctanse acotío e unha porcentaxe semellante faino dúas ou tres veces por semana. O 5% das familias dá conta dun acceso diario a Internet que supera as tres horas.
No estudo faise un convite directo a informar deste problema e a formar non só á rapazada, senón tamén aos proxenitores, que deben ser obxectivo dun importante labor de alfabetización dixital: “Cómpre dotar ás familias de competencias que lles permitan regular o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación que realizan os seus fillos e fillas”, subliña. O establecemento de relacións máis estreitas co centro escolar e os seus profesionais constitúe outro dos elementos que a investigación salienta como “esencial”.
O ciberacoso na nenez xérase nos fogares a idades cada vez máis temperás
Compartir Este Artigo

