A problemática dos servizos de telecomunicación na zona vella de Santiago, cuxa interrupción estivo os días pasados no centro das protestas dos comerciantes e veciños, tal e como lembramos dende Código Cero, entrou finalmente en fase de solución. Así o vén de recoñecer a Asociación Compostela Monumental, que salienta a boa disposición da división galega da operadora Vodafone para atallar as deficiencias en materia de telefonía e acceso á Rede que sufriron co comezo do ano os empresarios e residentes da área monumental compostelá. A entidade de comerciantes salienta nun comunicado achegado hoxe a intervención na incidencia de Jesús Sueiro, director de Contas de AAPP en Galicia de Vodafone, para “solucionar o problema de Internet e telefonía fixa do centro histórico”.
Compostela Monumental lembra que “durante trece días”, os comerciantes da zona non tiveron acceso aos ditos servizos básicos “por un problema entre as operadoras”. Segundo salienta José Ángel Blanco, xerente da entidade, “a desesperación foi máxima, xa que os servizos de asistencia técnica por medio de teleoperadores non solucionaban un problema de ámbito xeral na zona, e desde os mesmos delegaban noutros as responsabilidades do arranxo definitivo”.
Compostela Monumental lembra tamén que moitos empresarios e comerciantes denunciaron estas eivas ante os corpos policiais, “debido a que as xoiarías teñen a obrigación de contar cunha liña telefónica directa para garantir a súa seguridade ante posibles roubos”.
En palabras da entidade, “as páxinas web das distintas compañías de telefonía implicadas son un labirinto onde non se atopa un enderezo ou un simple teléfono para contactar con responsables de zona e explicar de forma directa o problema en cuestión, sen ter que entrar no círculo do teleoperador que descoñece a ausencia de servizo e que insiste unha e outra vez no arranxo inmediato do problema e sen que este se dea emendado”.
Desde Compostela Monumental fixéronse xestións co Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o operador público autonómico RETEGAL, que, segundo indica a asociación, “deron finalmente os seus froitos”, grazas á “boa predisposición e interese mostrado desde o primeiro momento por Jesús Sueiro”. De feito, a caída do servizo arranxouse dúas xornadas despois de lle ter trasladado a incidencia ao directivo galego de Vodafone.
Compostela Monumental e Vodafone Galicia impulsan o restablecemento das telecomunicacións na contorna histórica de Santiago
Compartir Este Artigo

