Seguimos dando conta de como nos afecta o proceso de apagamentos do Segundo Dividendo Dixital, uns traballos complexos non só polo que representan senón tamén, para o cidadán medio, pola cantidade de territorios que entran en xogo (ou non) ao longo de diferentes etapas. Co fin de clarificar dúbidas e botarnos unha man para aclarar conceptos e implicacións, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) está a emitir regularmente resumos das vindeiras actuacións. Logo do parte informativo sobre a axenda de procesos na provincia de Lugo, a AETG pon agora o foco en Pontevedra, onde recorda que o pasado 20 de xaneiro comezou o cambio de frecuencias de Televisión Dixital Terrestre (TDT) en 55 municipios.
A AETG explica que este proceso iniciarase tamén en Dozón a partir do 17 de febreiro; mentres que, en Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces non haberá cambios en ningunha múltiple dixital estatal ou autonómico.
A maiores do devandito, a asociación fai saber que na provincia de Pontevedra aproximadamente 16.400 edificios comunitarios de tamaño mediano e grande, nos que residen preto de 409.000 persoas, terán que adaptar a súa instalación de antena colectiva de televisión, polo mandato europeo que implica liberar o chamado Segundo Dividendo Dixital. “Este axuste é necesario para poder seguir vendo as canles nas novas frecuencias destinadas para eles”, explica a AETG, engadindo que durante o cambio de frecuencias de TDT, co fin de facilitar a transición e minimizar o impacto para a cidadanía, as cadeas de televisión emitirán simultaneamente a través das frecuencias nova e antiga (simulcast) antes de proceder ao apagado desta última a finais de xuño de 2020.
Actuacións en Lugo
O 11 de febreiro será a data que cese de maneira definitiva a emisión nas frecuencias antigas da TDT en 58 concellos de Lugo. A AETG explica que dentro do proceso de liberación do Segundo Dividendo Dixital que se está a levar a cabo (un proceso que busca deixar despexada a banda dos 700 megahercios co obxectivo de permitir o despegue da tecnoloxía móbil 5G), será durante a noite do 10 ao 11 de febreiro cando se producirá o cese definitivo da emisión nas frecuencias antigas (nas canles 58 e 59), ficando só as novas canles 28 (Mediaset) e 31 (autonómico) en 58 concellos da provincia (concellos que reciben da área xeográfica de Lugo), polo que “se non se realiza a adaptación necesaria antes desta data, os cidadáns poderían deixar de ver algunhas canles, e, con independencia do tipo de vivenda, deben resintonizar os seus televisores”, explica os enxeñeiros, engadindo que a partir do 17 de febreiro comezará o mesmo proceso nos concellos que reciben sinal da área xeográfica de Ourense (Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober). Por outra banda, a AETG lembra que en en Muras, incluída na área xeográfica de A Coruña Norte, non haberá cambios en ningunha canle estatal nin autonómica.

