A Casa da Mocidade de Allariz vén de presentar a súa axenda de divulgación, formación e participación que vai desenvolver ao longo deste primeiro trimestre: unha serie de obradoiros e charlas sobre as máis diversas temáticas convocados co obxectivo de ampliar o abano de actividades de lecer da xente nova ao tempo que melloran as súas capacidades e a súa futura empregabilidade. Estes obradoiros veñen da man da Concellería de Mocidade co Concello para seren desenvolvidos durante os sábados de febreiro, marzo e abril. Haberá divulgación sobre maxia e ilusionismo, deporte urbano e fotografía a través do móbil.
O Concelleiro de Mocidade, Iago Santás explicou que o programa foi concibido para “ofertar un ocio alternativo para os mozos e as mozas do concello, no que se realizarán actividades para todos os gustos e intereses”.
Respecto do obradoiro de imaxe con dispositivos, desenvolverase os días 15 e 22 de marzo. O curso Descubrir a fotografía co teu móbil, dirixido a estudantes e parados, será unha boa oportunidade de formación para quen queira achegarse á fotografía dende un enfoque creativo e expresivo, “e todo a través dun trebello tan popular e estendido como teléfono móbil”, explica a Concellería, engadindo que ao longo do obradoiro botarase luz sobre as técnicas básicas da fotografía, “unha linguaxe e cultura visual coa que sacarlles partido ás novas tecnoloxías dun xeito ameno e práctico”.
Para máis información ou para ir coñecendo a programación de Sábados na mocidade, poderanse consultar calquera dúbida na Casa da Mocidade, no correo mocidade@allariz.com ou no 988 680 434.
A Casa da Mocidade de Allariz introducirá á xuventude local nas vertentes máis creativas da fotografía co móbil
Compartir Este Artigo

