O 25 de xaneiro celebrouse na Coruña unha nova sesión ao abeiro do #LAIC, o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación de Coruña Dixital. Foi unha cita con Rubén Lázaro, realizador en V de Vídeo e experto en 360º en Siente VR, que achegou aos participantes ao mundo da captación de imaxes en formato panorámico e á Realidade Virtual aplicada ás experiencias fotográficas e audiovisuais. A xornada comezou cunha aproximación á orixe da VR (máis antigo do que poidamos pensar nun principio) e cunha clarificación de conceptos (Lázaro avaliou os detalles e posibilidades dos diferentes visores e fixo unha distinción entre tecnoloxía 360º e a Virtual Reality).
Na segunda parte do obradoiro, os asistentes puideron coñecer diferentes tipos de cámaras e empregalas para experimentar coa realización de vídeos e fotografías, obtendo, segundo indicou Coruña Dixital, resultados “moi curiosos”, tal e como se pode apreciar na fotografía principal que acompaña este texto.
Despois desta parte práctica, as e os participantes mergulláronse no mundo da edición, introducíndose nas técnicas máis empregadas de post-produción e de procesado de imaxes en 360º e en VR. A cita formativa rematou cunha vertente interactiva, na que se visualizaron os vídeos gravados en formato envolvente coas lentes de Realidade Virtual.
O laboratorio
Para quen no o saiba, o #LAIC, o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación, é un ciclo de encontros divulgativos e participativos de Coruña Dixital (Concello da Coruña) para persoas interesadas na cultura audiovisual, os novos medios e a transformación dixital. Nesta convocatoria en curso, que arrincou a finais de 2019, volverán participar, coma nas anteriores entregas, cineastas, produtoras, estudantes, docentes, profesionais da comunicación e do deseño, activistas, artistas, tecnólogas e especialistas en ferramentas dixitais.
O obxectivo último é converter A Coruña “nun polo estratéxico de innovación, creatividade e boas prácticas que xeren modelos de traballo audiovisual sustentable”, en palabras do Coruña Dixital.
A nova edición xira arredor da creación dixital transmedia, é dicir, de historias que se expanden en múltiples dispositivos e formatos, cunha participación activa dos públicos.
Na páxina web do laboratorio temos todo tipo de datos informativos sobre os obxectivos e natureza do programa, ao que se engade un vídeo recentemente pendurado no que se informa dos logros de 2019.
As experiencias en 360º e en Realidade Virtual centraron un novo obradoiro do #LAIC
Compartir Este Artigo

