O gasto total en novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) das empresas galegas acadou os 408 millóns de euros, o que implica un incremento de 44 millóns de euros, especialmente no referente a servizos e consultas relacionadas coas devanditas ferramentas dixitais. Son datos recollidos no informe A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2019, acabado de publicar polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O estudo analiza a integración das tecnoloxía dixitais en todas as empresas galegas, un total de 200.972, das que o 96,3% son microempresas, de 0 a 9 traballadores.
Na investigación acabada de lanzar polo observatorio autonómico faise saber que en 2019 a banda larga móbil experimentou “un crecemento significativo en todas as empresas galegas”, pero especialmente nas de 0 a 9 empregados, onde aumenta 5 puntos porcentuais (chegando ao 77,2%). Tamén se fai saber que nas de máis persoal supérase o dato nacional nas empresas que teñen 10 ou máis traballadores/as con sede ou actividade en Galicia, con un 86,7% das galegas fronte a un indicador da banda larga móbil en España do 84,1%.
As velocidades de acceso á Internet de 100 Mbps ou superiores aumentaron 12,8 puntos porcentuais entre as microempresas (28,1%), e 12,4 puntos nas empresas de 10 ou máis traballadores (45,1%).
No 2019 aumentou tamén a presenza de páxina web nas empresas de 10 ou máis asalariados, tanto nas que posúen sede en Galicia (do 73,6% crece ao 77,9%) como nas que posúen sede ou realizan actividade na nosa Comunidade (do 77,1% pasa ao 81,6%), superando ademais ao datos de empresas españolas que posúen web empresarial (78,2%).
Respecto ao uso de medios sociais con fins empresariais, nas empresas galegas de 10 ou máis empregadas e empregados o emprego de RRSS medrou de xeito moi relevante, explica o observatorio OSIMGA, que engade que a taxa foi quen de chegar ao 54,6%, e superando a media estatal de 52,9%. A utilización de redes sociais tamén experimenta un crecemento en todas as empresas galegas, con independencia do seu tamaño, superando o indicador da media a nivel España.
Tamén se incrementan as vendas e as compras a través de Internet ao longo do último ano, producíndose unha subida no caso das compras para empresas de 10 ou máis empregados as de 8,4 puntos. No relativo as vendas a través de comercio electrónico, o incremento nas microempresas foi de 2,5 puntos, e nas de máis persoal foi de 4,7 puntos.
Big Data (análise de información a gran escala) e formación
Durante o último ano o uso de ferramentas de análise de información a gran escala (Big Data) nas empresas galegas de 10 ou máis traballadores (10,3%), foi superior ao das empresas españolas (8,3%), segundo se reflicte na investigación do OSIMGA, na que se engade que “un 75,8% das microempresas emprega software libre para esta análise de Big Data”.
Xestións coas Administracións Públicas e política de seguridade
A interacción das empresas galegas coas Administracións Públicas a través de Internet durante o último ano, supera, á marxe do tamaño da empresa, aos datos a nivel estatal. No 2019 incrementáronse as medidas de seguridade tecnolóxico-dixital utilizadas nas empresas, cun crecemento de 9,9 puntos nas de 0 a 9 traballadores/as e de 7,9 puntos nas empresas de 10 ou máis asalariados/as con sede ou actividade en Galicia.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative Commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.
Medra en 44 millóns o gasto total en TIC das empresas galegas
Compartir Este Artigo

