O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Educación veñen de convocar a cuarta edición dun certame escolar directamente encamiñado a mellorar os usos que lle damos a Internet e as posibilidades de formación, comunicación, autonomía e creatividade que as novas tecnoloxías nos ofrecen. Estamos a falar do Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnos e alumnos de 1º a 4º de ESO.
Respecto dos obxectivos conxuntos que se buscan con esta iniciativa, as dúas entidades avogan por sensibilizar á sociedade galega sobre a importancia de incorporarse á cultura da salvagarda da información propia e allea, nomeadamente os menores de idade, sendo o devandito concurso unha importante contribución ao devandito. O CPEIG e Educación tamén buscan “promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.
As bases
O alumnado poderá presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como “Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?”, ou “Como podo protexer os meus datos?”. Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.
Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15:00 horas do 28 de febreiro.
Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.
O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, daranse a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das devanditas entidades.
Quen gañou nas primeiras edicións
Na primeira edición os gañadores foron Eva Riveiro Formoso co traballo Oinc, que cursaba naquel momento segundo da ESO no Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela, na categoría de 1º- 2º da ESO; e na categoría 3º- 4º ESO resultou premiado Gustavo López Leyenda co traballo PISOTE, cursando o pasado ano 4º da ESO no CPI de Cova Terreña de Baiona. Ademais, recibiu o recoñecemento especial o Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela.
Na segunda edición, celebrada en 2018, recibiron os premios Paula Ledo de 6º de Primaria do CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo (Ourense) co traballo O perigo das redes sociais; na categoría do primeiro ciclo de Secundaria gañou o premio Sara Álvarez, alumna de 2º da ESO do IES O Couto de Ourense, co traballo Peket; e na categoría do segundo ciclo de Secundaria fíxose coa vitoria Carlos López, alumno de 4º da ESO do CPI de Cova Terreña en Baiona, co traballo Xosé Manuel Agudo.
E na terceira edición, resultaron gañadores unha alumna do colexio Virxe da Pena da Sela en O Irixo, Elia Casares Nogueira, na categoría de Primaria, co traballo Malas experiencias; e na modalidade de Secundaria, con O mellor trobador do mundo.
O CPEIG e Educación convocan a cuarta edición do seu concurso escolar sobre protección de datos
Compartir Este Artigo

