Telefónica fixo reconto da presenza da súa tecnoloxía de fibra óptica (tecnoloxía FTTH, Fiber To The Home) na provincia de Lugo. Nela, segundo fai saber a operadora, a fibra da operadora xa chegaría ao 35% da poboación. Este fito, como o máis recente relativo a Pontevedra (coa súa taxa do 60%) e o referido á provincia da Coruña (coa súa porcentaxe do 56%), foi unha realidade grazas aos máis recentes plans de colaboración público-privada para “situar a Galicia na vangarda das infraestruturas de telecomunicacións”, explica Telefónica, engadindo que o feito de chegar ao 35% da poboación de Lugo supón un total de 88.703 vivendas e negocios con acceso á fibra da operadora e unha suba do 21% con respecto ao exercicio anterior (2018).
A compañía engade que ao longo de 2019 sumáronse 15.369 novas unidades inmobiliarias (vivendas, locais, negocios, empresas, polígonos industriais, etc.) e a previsión é que este ano 2020 a cobertura con FTTH chegue a 16.875 novas unidades (39 novas localidades), completando a extensión de fibra nuns 200 núcleos, moitos deles orograficamente complexos e dispersos.
Recursos propios e posibilidades
A empresa lembra que o fornecemento de fibra óptica en Galicia realizouse “con recursos propios e cos achegados polos programas de axudas de extensión de banda larga das administracións autonómica e central”.
A fibra óptica permitirá aos usuarios de Telefónica ir incrementando o uso de banda larga nos próximos anos “na medida que a progresiva dixitalización das actividades particulares, profesionais e empresariais así o esixa”, sinala a compañía, engadindo, no capítulo de vantaxes e beneficios que se poñen en xogo con estes equipamentos, “que a fibra óptica de Movistar ofrece voz con alta calidade nas chamadas, máxima velocidade de conexión a Internet e conectar varios dispositivos a Internet simultaneamente sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes”. Ademais, se o usuario dispón de Movistar+ terá acceso a canles de alta definición co dobre de resolución que a TDT ou o DVD e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet.
A fibra óptica de Telefónica xa está a disposición do 35% da poboación de Lugo
Compartir Este Artigo

