Este mércores 19 proseguen os debates da segunda edición de Tempo da Psicoloxía, un proxecto organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago. E farao, logo de tres días de actividade, coa última das mesas abertas ao público en xeral, desta volta centrada na sociedade dixital e nos cambios que as novas ferramentas da comunicación imprimiron no xeito de relacionarnos. O terceiro faladoiro deste ciclo comezará ás 19:30 horas na Sede Afundación (rúa do Vilar, 19) de Santiago de Compostela, con acceso libre e gratuíto ata completar o aforo.
A xornalista Alba Mancebo ocuparase de conducir esta conversa, na que participará Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; Julio González Morandeira, psicólogo e responsable de innovación do Concello de Lugo; Noa Díaz Varela, concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago; así como unha alumna do Grao de Psicoloxía, Lara Deza.
O peche desta edición do programa Tempo da Psicoloxía será na Facultade de Psicoloxía, con motivo dos actos de celebración do Día da Psicoloxía Académica, no que Cristina Botella, catedrática de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos da Universitat Jaume I, impartirá unha conferencia co título O uso das TIC na intervención psicolóxica.
#TempoDesconexión
Co gallo da temática escollida para esta edición, un grupo de alumnas e alumnos do Grao de Psicoloxía da USC participa nun reto para comprobar ata que punto as ferramentas dixitais están entrelazadas cos nosos hábitos comúns: o desafío de desconectarse das redes sociais e da mensaxería instantánea (WhatsApp e semellantes) ao longo dunha semana. Co cancelo #TempoDesconexión no Instagram do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (www.instagram.com/copgalicia) relatan a súa experiencia día a día a través de vídeos, as dificultades para cumprilo, sensacións e cambios nas súas vidas.
O proxecto
En palabras das entidades organizadoras, Tempo da Psicoloxía é “unha actividade divulgativa deste ámbito científico e profesional na sociedade, que aborda unha temática concreta en cada edición desde o prisma da psicoloxía, pero en interacción con outros axentes sociais”. As actividades destes tres primeiros días (dende luns ata o mércores) serán de acceso libre e de balde ata completar o aforo, mentres que a xornada do xoves estará reservada para a comunidade académica, coincidindo coa celebración dos actos do Día da Psicoloxía Académica.

