A Deputación de Lugo presentou hoxe os detalles da recalada na provincia de Xira Mulleres, unha innovadora iniciativa integradora para promover o emprendemento feminino no ámbito estatal e que terá, este inverno, presenza en cinco concellos. O acto contou coa presenza do presidente da entidade, José Tomé, da deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, e da xestora de Comunicación de Coca Cola European Partners Iberia, Gema Domínguez. Segundo fixeron saber o programa desenvolverase na primeira quincena de marzo. Incluirá unha serie de obradoiros para fomentar a empregabilidade.
Eses talleres, que impartirá Alma Natura, desenvólvense baixo o nome de Viaxe ao emprendemento, e están destinados a aquelas mulleres que queren emprender e dar forma a unha idea de negocio vencellada ao sector da alimentación e bebidas.
Xira Mulleres é un proxecto co-financiado pola fundación Atlanta (Coca Cola) e Cruz Vermella Española. Ten como obxectivo o desenvolvemento de actuacións que melloren as posibilidades de inserción laboral, o emprendemento e a cualificación profesional de mulleres que se atopan en dificultade social. En total, case 14.000 mulleres participaron nas tres edicións do programa en toda España.
Con esta iniciativa ofrécese a posibilidade de acceder a unha orientación laboral personalizada, realizar cursos de cualificación profesional con prácticas en empresas, traballar sobre competencias persoais e laborais e obter formación en novas tecnoloxías da información.
Os obradoiros lucenses desenvolveranse en Monforte de Lemos, Viveiro, A Fonsagrada, Cospeito e Guitiriz. En total, formarase a medio cento de mulleres da provincia de Lugo, que se poden anotar de balde no 959 19 77 29, na web de Xira Mulleres, ou a través do Concello no que se imparte o obradoiro.
A Deputación de Lugo fomentará o emprendemento feminino a través do programa Xira Mulleres
Compartir Este Artigo

