Co fin de facilitar á cidadanía “toda a información esencial” sobre as eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro 5 de abril, o Goberno galego vén de habilitar a web http://eleccionsgalicia2020.gal, que se acompaña da posta en marcha dun número específico, 900 825 520, que servirá para recadar datos de maneira máis directa.
Segundo informa a Xunta, na web inclúese información relacionada “con temas fundamentais”, como son o voto por correo para os residentes en España ou temporalmente no estranxeiro, e para as persoas que figuran no CERA. Nestes apartados, ademais da explicación do procedemento, poderanse descargar tamén os formularios correspondentes.
A información da páxina web tamén abrangue outros aspectos de utilidade, como os trámites co censo, os impresos electorais (para votantes, concellos ou mesas electorais) e a consulta dos colexios e mesas electorais. Amais, achéganse documentos relacionados coa lexislación vixente, estatal e autonómica; o calendario electoral coas datas sinaladas; e información de utilidade para as persoas que integren ás mesas electorais. A web irase completando e enriquecendo a medida que se aproxime a data electoral fixada “cos novos documentos que correspondan”.
A Xunta lanza unha web con información sobre as eleccións do 5 de abril
Compartir Este Artigo

