A directora xeral da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, deu a coñecer hoxe detalles sobre o novo servizo en mobilidade da Historia Social Única Electrónica (HSUE), a ferramenta Asiste. Segundo fixo saber, a aplicación impulsada por AMTEGA e a Consellería de Política Social comezará a pilotarse este mes de marzo. Permitirá, entre outras cousas, a comunicación a través do móbil entre o usuario e a súa rede de coidadores.
A directora da Axencia, Mar Pereira, e o director xeral de Maiores, Ildefonso de la Campa, participaron hoxe na xornada O impacto das tecnoloxías dixitais no ámbito da atención social”, organizado por Minsait, filial de Indra, no transcurso da cal fíxose unha demostración da ferramenta e lanzouse a convocatoria Ventures4 Silver, en colaboración coa Xunta, para impulsar a creación de novos produtos e servizos orientados a mellorar a calidade de vida das persoas.
Segundo explicaron, Asiste configúrase “como o asistente social no móbil, unha canle telemática de comunicación coa rede familiar de coidadores, que poderán facer seguimento en tempo real dende o seu dispositivo os parámetros da actividade, biomedidas e xeolocalizacion da persoa e establecer recordatorios de medicacións, visitas médicas etc”. Tamén puxeron o foco no carácter dinámico e evolucionable do proxecto: “A medida que se vaia evolucionando a aplicación permitirá tamén recibir as avisos e notificacións de procedementos ou recordatorios de citas dos servizos sociais”. Amais, contará cun asistente virtual, que a través de pictogramas e ferramentas de recoñecemento de voz permitirá unha comunicación intuitiva.
A Xunta facilitará este servizo de balde a calquera persoa residente en Galicia, de xeito que, no momento que comece a usar o servizo, abriráselle unha Historia Social Única Electrónica. Toda a información na Historia serán custodiada pola Administración autonómica coas “debidas garantías de seguridade e confidencialidade”, explicaron Pereira e de la Campa.
Comeza este mes a pilotaxe de Asiste, a aplicación da rede galega de coidados
Compartir Este Artigo

