O CEI-Nodus de Lugo presentou a semana pasada un interesante programa de formación innovadora para esta recta final do inverno. Trátase de varios cursos para facilitar aos emprendedores os diferentes camiños da transformación tecnolóxica. As actividades veñen da man de Red.es e a área de Desenvolvemento Local e Emprego e abéiranse á súa política de apoio aos novos proxectos de mercado, ao comercio local e aos procesos que lle axuden a situarse na vangarda tecnolóxica (abrindo novos mercados, dando o chimpo ás redes, incrementando a rendibilidade e a competitividade, apostando polo ecommerce, etc). Os obradoiros desenvolveranse entre o 9 e 11 de marzo nas instalacións do CEI-Nodus.
Os talleres, impartidos por Red.es desenvolveranse en tres sesións, cada unha de catro horas de duración, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Segundo indicou o edil Mauricio Repetto, o primeiro dos cursos, programado para o luns, día 9, basearase en analizar os diferentes conceptos propios do ecosistema emprendedor, “para familiarizarnos coa terminoloxía sobre emprendemento”. Ademais, outro dos aspectos importantes a tratar no curso é “o dos axentes que operan no mercado e que poden axudar na creación e desenvolvemento dunha empresa, como as incubadoras ou aceleradoras”, engadiu.
As persoas asistentes terán tamén a oportunidade de traballar e practicar as diferentes técnicas de ideación e solución de problemas que achega o Design Thinking así como identificar as diferentes fórmulas de financiamento de proxectos nas distintas fases de idea, semente, crecemento, escalado e exit.
Repetto explicou tamén que o obradoiro previsto para o martes 10, centrarase, pola súa banda, en coñecer e analizar os diferentes modelos de negocio, para dominar a xeración de ingresos e a xestión de custos, identificando as ferramentas e habilidades a ter en conta cando se traballa con socios.
Finalmente, na xornada do mércores, falarase de como conseguir clientes que permanezan fieis á marca utilizando estratexias eficaces que nos axuden a mantelos no tempo. “Neste taller intentaremos comprender o rol do cliente nunha contorna dixital e valorar as técnicas para poñer en marcha unha estratexia de mercadotecnia ao respecto”. No obradoiro abordarase tamén a medición de resultados e a optimización das accións online “como un proceso continuo de mellora para o logro dos obxectivos empresariais”, referiu o edil de Desenvolvemento Local, engadindo que estas tres accións de formación serán “de gran utilidade, xa que propiciarán unha actualización de coñecementos na materia tratada”. Amais, supoñen “unha oportunidade para os traballadores de calquera empresa que poderán ampliar as súas competencias para acceder a novos postos na organización ou mellorar as condicións dos seus cargos actuais”.
As persoas interesadas poden inscribirse vía web, ata o día anterior á realización de cada un dos obradoiros.
O CEI-Nodus de Lugo achega obradoiros para acelerar a transformación dixital dos negocios locais
Compartir Este Artigo

