O Goberno galego vai presentar este mes de marzo a súa nova de liña de axudas para a dixitalización dos fondos documentais de entidades públicas e privadas sen fins de lucro. As axudas serán dadas a coñecer no marco dunha xornada técnica, fixada para este xoves 5 de marzo na Cidade da Cultura. No transcurso do acto, participarán, dando conta das subvencións, técnicos de AMTEGA e a Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo. As axudas enmárcanse nas medidas da Memoria Dixital de Galicia para “avanzar na conservación e universalización do patrimonio galego”.
Trátase da segunda liña de apoios que se pon en marcha e conta cun importe total de 750.000 euros para a dixitalización de fondos documentais en soporte papel (publicacións seriadas, manuscritos, mapas, material gráfico como fotografías, gravados, carteis, debuxos, monografías e folletos, e partituras, partituras anotadas ou manuscritos de música). Con esta nova convocatoria son xa máis de 1,4 millóns de euros públicos os destinados a facilitar a dixitalización de fondos patrimoniais, segundo informaron AMTEGA e a Dirección Xeral.
A convocatoria, que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días, subvencionará proxectos cun importe mínimo de 10.000 euros e máximo de 90.000 euros. As entidades beneficiarias recibirán un anticipo do 80% da subvención concedida este ano e o 20% restante en 2021, unha vez acreditado o remate dos traballos de dixitalización. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á súa publicación no DOG.
As axudas están dirixidas aos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma, entidades locais, e entidades delas dependentes, universidades públicas e o Consello Galego de Universidades, entidades privadas sen fins de lucro que dispoñan de activos do patrimonio cultural de Galicia, Reais Academias e as Academias de Galicia, oficialmente establecidas e recoñecidas.
Da primeira liña de axudas beneficiáronse unha vintena de entidades cun importe total de 712.000 euros. Todos estes recursos, unha vez dixitalizados, estarán accesibles este ano desde o portal Galiciana.
O Gaiás acolle esta semana unha xornada para presentar as axudas á dixitalización de fondos documentais
Compartir Este Artigo

