O país convidado da sétima edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de abril, será un país que nos toca ben de preto ás galegas e aos galegos: Portugal. Así nolo confirmou hoxe o equipo organizador do certame, poñendo o foco no carácter lusófono e lusista que terá o evento antes, durante e despois do seu transcurso: será unha xanela para coñecermos, grazas á xornada profesional do Interplay, a algúns dos principais representantes de cadeas e plataformas do país veciño. Como por exemplo o RTP Lab ou o Canal 180, así como aos representantes de Playz (RTVE), Flooxer (Atresmedia), Globomedia (Mediapro) ou da TVG.
Tamén, grazas á colaboración entre o festival de contidos dixitais e o Cluster Audiovisual de Galicia, participarán no Día PRO do Carballo Interplay responsables da Academia Portuguesa de Cinema e de produtoras lusas como BeActive, Promenade, Comicalate, Videolotion, Souza Filmes, Pergunta Exótica, Ankylosaur, Pixbee, Paperplane, Adesiva ou Produçao de Ideias.
Día Pro
O Carballo Interplay repite Día Pro, o primeiro venres de abril no Pazo de Cultura de Carballo, co obxectivo de “conectar a creadores e creadoras coas principais plataformas e produtoras que están apostando polos contidos dixitais de creación propia”, explica o equipo organizador do certame, engadindo que “a xornada dividirase en dúas partes: pola mañá haberá presentacións e debates e, pola tarde, haberá un punto de encontro para que creadoras/es, empresas produtoras e plataformas de Galicia, de España e de Portugal contacten e intercambien ideas para posibles proxectos e colaboracións futuras”.
No dito marco de traballo, responsables de medios que traballan formatos de entretemento e divulgación para públicos novos no ámbito galego, español, portugués e internacional, compartirán coas persoas asistentes cales son as claves á hora de producir e distribuír non ficción online. Despois, o director do RTP Lab, Rogério Gomes, contará como a Rádio e Televisão de Portugal (RTP), como bo servizo de medios públicos, procura estimular a creatividade e a innovación. E, por iso, de forma pioneira, creou o RTP Lab, un laboratorio creativo e experimental, con novas formas de produción de contidos, pensadas nunha lóxica multiplataforma. Deste xeito, abriu unha convocatoria dirixida a todo o público na procura de contidos de ficción e humor que utilicen novas formas de narrativa en ámbitos exclusivamente dixitais. “O resultado son varios proxectos que xa empezaron a ver a luz e que poderemos coñecer no Día Pro do Carballo Interplay”, engaden dende a organización do certame.
As persoas interesadas en participar nesta segunda xornada profesional do Caraballo Interplay poden acreditarse, de xeito gratuíto, antes do 20 de marzo, na web do festival.
Programa completo do Día Pro (venres 3 de abril)
· 9:30h. Recollida acreditacións Zona Pro.
· 10h. Panel Zona Pro: Máis alá da ficción: formatos de entretemento e divulgación para públicos novos. Con Luis Fernandes (Canal 180), Alberto Fernández (Playz), Mafalda González – Alegre (Flooxer) e Carlos F. Amado (TVG).
· 11:30h. Zona Pro. Presentación RTP Lab, con Rogério Gomes.
· 12h. Zona Pro. Presentación produtoras e creadoras de contidos dixitais de Portugal, en colaboración co Clúster Audiovisual de Galicia (CLAG). Coa presenza de Sara Moita (BeActive), Bernardo Lopes (Promenade), Miguel Leão (Comicalate), Marta Riveiro e Tota Alves (Videolotion), Filipa Mendoça Amaro (Souza Filmes), Alice Joana Gonçalves (Pergunta Exótica), Joåo Harrington Sena (Ankylosaur), Rodrigo Prista (Pixbee) ou Rui Neto (Paperplane), Rui Pinhão (Adesiva), João Quinta Reis (Produçao de Ideias) e Diogo Camões (Academia Portuguesa de Cinema).
· 13h. Café con CREA.
· 16h – 19h. Mercado Zona Pro. Un punto de encontro para que creadoras/es, empresas produtoras e plataformas contacten e intercambien ideas para posibles proxectos e colaboracións futuras. Só para profesionais inscritos no mercado da Zona Pro do Festival.
O Carballo Interplay permitiramos coñecer o puxante audiovisual que se fai na outra beira do Miño
Compartir Este Artigo

