SmartPEME, a rede da Deputación de Pontevedra para a capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da provincia, vén este mes de marzo cun completo programa de actividades formativas para impulsar a dixitalización e a competitividade, e tamén, coa novidade da nova sede SmartPEME de Vigo: as novas dependencias da institución provincial no Casco Vello, xa a pleno rendemento. Para a comarca de Vigo, achéganse en marzo 13 novas accións a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas (catro), Vigo (cinco) e Porriño (catro). A estas citas cómpre sumar as catro previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e outras tantas (catro, tamén) en Cambados, ás que hai que engadir cinco obradoiros máis en Lalín. A maiores, haberá plena actividade SmartPEME no Viveiro de Empresas de Barro: catro citas formativas.
En total, 30 obradoiros programados sobre as máis diversas materias TIC (visualización en buscadores, turismo dixital, ofimática avanzada, mercadotecnia online, creación de webs e aplicacións, etc). As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.
Máis datos que cómpre saber sobre SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
SmartPEME achega en marzo unha trintena de actividades formativas TIC
Compartir Este Artigo

