O Polo Aeroespacial de Galicia con centro de operacións nas Rozas (Lugo) celebrou hoxe unha xornada coa vista posta na xuventude. Estamos a falar do Open Day celebrado na dita sede lucense de actividade aeroespacial, unha xornada na que participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e máis 180 mozas e mozos procedentes de todos os recantos da nosa xeografía para ter datos directos sobre a industria dos drons, a súas posibilidades e as oportunidades que lles abren (en materia de contratación, proxectos e empregabilidade) as nosas puxantes e prometedoras empresas do sector.
No transcurso da xornada de portas abertas, Conde salientou a importancia de achegar o Polo Aeroespacial de Galicia aos mozos e mozas galegos para espertar neles futuras vocacións STEM: “Queremos estar máis preto do talento da xente nova para sumar vocacións e que as rapazas e rapaces sexan quen de identificarse coas oportunidades de futuro que para o seu desenvolvemento profesional ofrece este sector”, asegurou.
A xornada, na que participaron un total de 180 alumnos de 3º e 4º da ESO e na que colaboraron a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e as empresas Inta, Boeing, Indra e Babcock, incluíu o programa educativo Science Truck, que busca entreter e espertar o interese dos máis novos pola ciencia, así como unha demostración de proxectos que se están levando a cabo nas instalacións de Rozas.
Este Open Day enmárcase no programa Voando alto, sumando vocacións, que se dirixe a 2.350 estudantes de todos os niveis educativos e público xeral e do que abrollarán en das vindeiras as actividades Enxeñando futuro en colaboración con Indra e Fly the future con Babcock. “O obxectivo final é estimular nos nosos rapaces e rapazas o talento innovador”, destacou Conde, engadindo que o sector dos UAV “está en crecemento e que está previsto que no 2035 haxa en Europa máis de 400.000 usuarios e que se xeren 90.000 postos de traballo”.
Os desenvolvedores de drons das Rozas mostran as oportunidades do sector ante 180 estudantes
Compartir Este Artigo

