A Asociación pro Dereitos Civís Económicos e Sociais (ADECES) vén de emitir o seu novo estudo (o doceavo) sobre os servizos de atención ao cliente dos operadores de telecomunicación con presenta no mercado estatal. A investigación, segundo reflicte a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), volve poñer a Movistar á cabeza da clasificación. Pola contra, a parte máis baixa do ranking aparece ocupada por MásMóvil. Entre outros datos destacados tamén se fai saber que Orange e Jazztel efectúan ata 12 chamadas comerciais por usuario.
En termos máis concretos, Movistar consegue unha valoración global en atención ao cliente de 7,46 puntos, superando a MásMóvil, que ocupa a última posición, nun 31% e situándose por encima da media do resto de operadores en 15 puntos porcentuais. Na súa condición de grupos, Orange obtén 6,34 puntos e MásMóvil 5,99.
No que se refire ao parámetro específico da asistencia técnica, novamente Movistar resultar ser a operadora que presenta os mellores datos neste capítulo, ata alcanzar unha nota de 9,41. Séguenlle Euskaltel, aproximándose ao 8,50, e R, por encima dos 8 puntos. Superan os 7,5 Orange, Telecable e Vodafone. Coas menores puntuacións sitúase todo o Grupo MásMóvil: 5,21; 6,26 e 6,47 correspondentes a MásMóvil, Pepephone e Yoigo.
A resolución de incidencias a través da asistencia telefónica oscila entre o 33% de MásMóvil e o 78% de Movistar. Por enriba do 66% están Orange, Vodafone, Euskaltel e R. O resto supera o 55%. En canto ao tempo empregado na resolución de incidencias, con Movistar é de pouco máis de 43 horas. No caso de MásMóvil esta cifra aumenta ata as 215 horas; mentres que en Pepephone, Jazztel e Yoigo superan as 130. Orange aproxímase ás 100 horas. Por enriba das 70 horas atópanse Vodafone e Telecable e preto desa marca, tamén R. Polo súa banda Euskaltel presenta o segundo mellor rexistro, supera as 56 horas.
Polo que atinxe á atención comercial, as puntuacións oscilan entre os 7,13 puntos de Movistar e os menos de 6 puntos de Orange. O resto de operadores móvense nunha escala que vai desde os 6,07 puntos de MásMóvil aos 6,67 de Pepephone.
Movistar volve estar en cabeza en materia de atención ao cliente
Compartir Este Artigo

