A Universidade de Vigo informou hoxe de que xa está dispoñible na Rede a nova Sede Electrónica de seu, unha iniciativa que comezou a materializarse hai un ano (coa aprobación no consello de goberno do de Regulamento da Sede Electrónica) co obxectivo de impulsar a modernización e máis a innovación tecnolóxica da institución académica galega, e que dende esta semana “é xa unha realidade”. Ao seu abeiro, a UVigo tamén quere potenciar a calidade do servizo ofrecido á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral, converténdose como “un modelo que poida servir de referente para o desenvolvemento da Administración Electrónica no eido universitario”.
Tal e como se especifica na súa web a nova Sede electrónica da Universidade de Vigo vai estar dispoñible todos os días do ano, durante as vinte e catro horas do día, sen prexuízo das interrupcións técnicas que sexan imprescindibles, considerándose inhábiles, para os efectos do cómputo de prazos, os sábados, os domingos e os días declarados como festas laborais.
Segundo informou a institución, o alumnado e o persoal docente e administrativo serán os primeiros e principais beneficiarios da denominada sede electrónica da UVigo. “Todo aquel docente ou persoal de administración e servizos que queira tramitar calquera tipo de documentación non vai ter que facelo vía rexistro presencial, senón que pode facelo directamente a través da sede electrónica”, explicou o vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, José Luis Míguez Tabarés, engadindo que “o único que ten que facer, coas súas correspondentes autorizacións de clave, é subilo á plataforma e envialo”.
No catálogo de procedementos xa en vigor atópanse cuestións como e emisión do certificado de docencia en grao e mestrado, a folla de servizos, a alta de provedores e acredores da Universidade de Vigo ou a posibilidade de realizar instancias xenéricas. A idea, segundo explica o vicerreitor, é ir ampliando este catálogo ata que “absolutamente todos” os procedementos universitarios poidan realizarse de xeito electrónico.
A sede electrónica está dotada das medidas de seguridade que garanten a confidencialidade, a autenticidade e a integridade do seu contido, así como o acceso permanente a ela, con subxección aos requisitos previstos na LRXSP e no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica, ou as disposicións que, de ser o caso, as substitúan.
Para o seu funcionamento ordinario a sede electrónica fai uso dos diferentes mecanismos tecnolóxicos necesarios, tales como a sinatura electrónica, o selado de tempo e outros expostos nela, para dar fe da constancia da transmisión e da recepción das comunicacións, das súas datas, do contido íntegro delas e da identificación fidedigna do remitente e o do destinatario, así como do momento de inicio da difusión pública da información que aloxe, de ser o caso.
Xa está operativa a web da Sede Electrónica da UVigo
Compartir Este Artigo

