As medidas que están a pór en marcha as nosas universidades para, por unha banda, frear o avance do COVID-19 e, pola outra, mitigar os efectos do cese da actividade presencial, pasan en boa medida polo dixital. A fórmula empregada pola Universidade de Vigo, tralo peche de facultades, escolas, dependencias administrativas, deportivas e comercias dos tres campus, é a do teletraballo para o seu persoal e de servizos e a da teleformación para profesorado e alumnado. Neste senso, púxose a disposición do corpo docente a plataforma de aprendizaxe a distancia FaiTIC, que leva anos funcionando na UVigo e que é de uso habitual por parte da maior parte dos integrantes da comunidade universitaria.
O obxectivo é “propoñer actividades que substitúan, na medida do posible e sequera parcialmente, as actividades presenciais previstas estas semanas de peche”.
Amais do devandito, a Universidade, a través do seu Campus Virtual, está a ultimar un sistema de aulas en directo, que permitirán impartir docencia mediante videoconferencia, con funcionalidades adicionais (compartir pantalla e presentacións; chat ou gravación).
No caso do persoal de investigación, o seu labor está igualmente restrinxido á alternativa non presencial, “aínda que para evitar que se perdan experimentos en marcha, naquelas investigacións experimentais iniciadas, poderán acceder aos centros con tarxeta, aínda que se lles solicita que se faga en casos realmente xustificados, durante o tempo mínimo e sendo escrupulosos coas medidas anticontaxio”.
A UVigo prepara aulas en directo para impartir docencia por streaming
Compartir Este Artigo

