Os concellos da nosa terra xa levan días adaptándose ás esixencias laborais e de servizo que impoñen as restricións do decreto de alarma imposto polo Goberno central, como iniciativa de choque contra a pandemia. Por exemplo o Concello de Ponteareas, que amais de tomar as disposicións para permitir o teletraballo en todos os departamentos de seu “onde sexa posible, como medida de protección contra o COVID-19”, achegou e dispoñibilizou dende a súa web unha serie de recursos para mitigar os efectos do confinamento das familias nos seus fogares, poñendo o foco nos fogares con nenas e nenos e as súas necesidades formativas e de lecer.
A través da web da Administración local podemos botar man dun relevante feixe de ligazóns de utilidade para facer posible e efectiva a teleformación dende o domicilio. Os recursos para facilitar a continuidade de actividade lectiva (e favorecer un mellor aproveitamento do tempo que “teñamos que ficar nos fogares”) foron achegados pola mestra de educación Susana Lamela e abranguen material docente da Xunta, propostas de diferentes centros docentes e xogos de índole educativa.
Ao longo da semana a Concellería de Ensino de Ponteareas anunciou que irá compartindo novos enlaces de actividades educativas e tamén de actividades lúdicas online.
O Concello de Ponteareas sae ao paso do COVID-19 con teletraballo e recursos de teleformación para a rapazada
Compartir Este Artigo

