O máis popular de todos os servizos de mensaxes instantáneas de cantos hai dispoñibles, o Whatsapp, está a ser un dos grandes protagonistas destes días de encerro e de restricións derivadas do estado de alarma por mor do COVID-19. Non só polo intenso uso que lle están a dar os seus millóns de usuarios (o Whatsapp está que ferve en materia de envíos e reenvíos e mantendo en comunicación a familiares, amigos e compañeiros de traballo que teñen que permanecer illados), senón porque a compañía responsable de servizo vén de comunicar a doazón dun millón de dólares para fortalecer o labor da Rede Internacional de Verificación de Contidos. Amais, lanzou o Centro de Información do Coronavirus. As dúas iniciativas teñen un obxectivo común: pór un gran de area para loitar contra o andazo mundial.
Respecto do Centro de Información do Coronavirus, ponse en marcha colaboración coa OMS, UNICEF e UNDP (United Nations Development Programme) e, como unha das súas grandes accións de estrea, subministra unha guía para traballadores sanitarios, educadores, líderes comunitarios, organizacións sen ánimo de lucro, gobernos locais e empresas locais que confían en WhatsApp para levar a cabo as súas comunicacións. A guía salienta, en palabras de Whatsapp, por ser “sinxela e práctica”, e pola súa vontade de ser útil para xuntar esforzos contra a pandemia.
O centro tamén ten unha clara función anti-bulos, achegando un parapeto contra os milleiros de informacións inventadas e sen rigor científico que pululan polas redes e brindando consellos xerais e recursos para persoas de todo o mundo, co fin de “evitar a propagación de rumores e axudarlles a conectar con información fiable sobre a saúde”. Ao fío disto, a empresa lembra que xa colaborou con varios ministerios nacionais de sanidade e ONG, co fin de proporcionarlles información real e contrastada aos usuarios a través de mensaxes, entre eles os de Singapur, Israel, Sudáfrica, Brasil e Indonesia. A medida que estes esforzos continúen, o centro actualizarase cos últimos recursos.
A doazón
Respecto da contribución de 1 millón de dólares para a Rede Internacional de Verificación de Contidos (IFCN), traducirase nun apoio directo á #CoronaVirusFacts Alliance, que abrangue máis de 100 organizacións locais en polo menos 45 países. A subvención apoiará a formación no uso das funcións avanzadas de WhatsApp Business, incluída a API de WhatsApp Business. “Ampliar a presenza de organizacións de verificación de contidos axudará a garantir que as comunidades locais estean ao tanto e respondan a posibles rumores que sexan prexudiciais”, explican dende a compañía.
Whatsapp ponse en pé de loita contra o COVID-19 e a prol da información fiable
Compartir Este Artigo

