O Museo de Pontevedra comezou a semana facendo unha interesante proposta para animar as estadías no fogar da rapazada: unha contribución lúdica pero tamén educativa e divulgativa. Trátase de convidar ás nenas e nenos a que participen como comisarios dunha exposición virtual con debuxos, xoguetes e contos dos seus propios fogares. Baixo o título Xogamos, lemos e debuxamos na casa, a intención é que coñezan como funcionan os museos, escollan obxectos (debuxos, contos ou xoguetes) dos seus domicilios e lles tiren unha foto para que despois un adulto a pendure no Facebook do Museo.
A idea é crear espazos propios para os cativos ao abeiro da exposición virtual do Museo, a través dunha vitrina imaxinaria, na que estarán en exhibición as contribucións artísticas que elixiran previamente.
Para acompañar no proceso ao longo desta semana, entre hoxe e o venres, tres técnicas do museo guiarán a experiencia a través de catro vídeos, un por día, nos que explicarán cal é a proposta e como participar, como preparar o que se vaia expoñer e como promover a exposición. Tamén achegarán recomendacións e consellos sobre como dispoñer as pezas elixidas.
Unha vez finalizada a emisión dos vídeos, a partir do venres pola tarde ata o sábado ás 18 horas, as persoas participantes poderán subir as fotografías da súa vitrina e da súa publicidade ao Facebook dun adulto co cancelo #eusonomuseodepontevedra. Entón será cando o director do Museo de Pontevedra procederá a inaugurar a exposición, tamén a través dun vídeo feito para a ocasión.
A exposición non terá data de remate polo que, se pola razón que sexa, esas vitrinas non están rematadas a tempo para a data de inauguración, aínda se poderán subir as fotografías posteriormente.
O Museo de Pontevedra converte ás nenas e nenos en comisarios dunha exposición virtual
Compartir Este Artigo

