Esta semana Telefónica fixo balance da máis recente edición de Galicia Open Future, o centro de crowdworking, emprendemento e aceleración empresarial da operadora na nosa terra. Segundo fixo saber a compañía, unha ducia de startups, empresas e emprendedores participaron no programa de organizado por Galicia Open Future para os gañadores e finalistas dos retos lanzados no seu día por Citic Censa (que expuxo dous retos) e Cofrico.
O programa de aceleración incluíu formación en axudas públicas, habilidades para presentacións en público, propiedade industrial intelectual, técnicas de venda, dereitos laborais, protección de datos ou mercadotecnia online, entre outros.
Teléfonica fixo saber que tralo remate do programa seleccionouse, para cada desafío, o mellor proxecto do programa de aceleración. De entre as empresas correspondentes ao primeiro reto de Citic Censa, a seleccionada foi a empresa cordobesa Axmill Precision Engineering, mentres a guipuscoana Nuavis Technology levou a distinción correspondente ás empresas do segundo reto de Citic Censa. Pola súa banda, a emprendedora lucense Lara Neira foi seleccionada como mellor proxecto do programa de aceleración entre as empresas do reto lanzado por Cofrico.
Os premiados poderán acceder a unha axuda concedida pola Xunta de Galicia, a través da axencia AMTEGA de ata 10.000 ejuros para a posta en marcha de proxectos emprendedores. Ademais, todos os participantes recibiron un patrocinio da Administración autonómica, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), de ata 10.000 euros por participar no programa.
Unha ducia de empresas participan na aceleración de Galicia Open Future
Compartir Este Artigo

