O Concello de Santiago de Compostela subiu á súa web a aplicación Resposta ao coronavirus, que ten o obxectivo de achegar á cidadanía información detallada e actualizada sobre a pandemia, brindándolle a posibilidade de solicitar “algún dos servizos asistencias habilitados polo Goberno local durante crise sanitaria” ou, tamén, formalizar a participación nalgunha das frontes activas de solidariedade e axuda impulsadas dende Santiago.
A aplicación amén acubilla información sobre os síntomas do COVID-19 e consellos sobre como facer para evitar contaxios, así como datos e mapas nos que se ve en tempo real a evolución do virus a nivel autonómico, estatal e internacional.
A ferramenta móbil, que vén da man do Servizo de Cartografía do Departamento de Urbanismo, fornece de planos nos que se xeolocalizan os establecementos comerciais que colaboran co Concello; os que prestan servizos sanitarios (centros de saúde, centros de maiores, hospitais e farmacias); e as zonas con poboación de risco.
Tamén hai un apartado sobre que facer se sospeitamos que somos positivos, con acceso directo ao auto-test e ao portal do SERGAS, e con información sobre os teléfonos aos que debemos chamar.
Amais do acceso ás redes sociais bríndanse datos de alcance internacional e a resposta ás preguntas máis frecuentes sobre a doenza.
Para a concelleira Mercedes Rosón, o feito de que sexa unha aplicación clara, atractiva, de fácil navegabilidade, e que incorpora gran cantidade de datos demandados pola cidadanía, vaina converter “nunha ferramenta de información importante para os nosos veciños e veciñas de Compostela”.
Santiago lanza unha app para aclarar dúbidas sobre o COVID-19 e canalizar solidariedade
Compartir Este Artigo

