O Festival Olloboi, o certame escolar de curtas en galego impulsado dende Boiro, segue vivo e operativo nas redes, malia que a nova convocatoria (prevista para esta tempada) se adiase para comezos do vindeiro curso. Podemos ver a súa evolución virtual, baixo o cancelo #OlloboiCOVIDeoDoméstico, avanzando de diferentes maneiras o talento que as novas directoras e directores levan dentro, un talento que vén como un agasallo para estes tempos de confinamento, Estado de Alarma e crise sanitaria pola pandemia. Dende a organización salientan que no medio de tantos atrancos, hai un factor positivo: ao estenderse os prazos para presentar contribucións, haberá máis tempo para crear.

As orixes do certame
A Asociación Cultural Olloboi naceu do labor dun grupo de docentes asentados no Barbanza desde o ano 2009, ao que se lle foi engadindo xente de fóra do ámbito educativo. Constituídos como asociación, organizan cada ano o certame escolar Olloboi, coa finalidade de “promover que o cine galego chegue ás aulas” dunha maneira creativa e participativa, e, a ser posible, en galego. O seu equipo de dirección está constituído por Lolo Garrido e Susana Diz, que asumen a parte de deseño, Petro Álvarez, que coordina a admisión de vídeos e supervisa os contidos e Ana Moreiras, que coordina, comunica e produce. Ademáis, Yaiza Vicente e Javi Paz encárganse de xestionar a parte informática e de redes e Sara Hermo colabora en traballos de produción e realización.
O nome de Olloboi xorde da unión de dous conceptos: o ollo, unha alusión directa á visión, ás lentes e por outra Boi, en referencia a Boiro, o concello que acolle cada ano o festival.
Este 2020 o festival chegará súa décima edición, unha convocatoria que tivo que ser adaptada ás posibilidades de comunicación, interacción e divulgación que brindan as redes.
O festival escolar Olloboi faise forte nas redes
Compartir Este Artigo

