En tempos de COVID-19, non só proliferan as persoas, entidades, organizacións e empresas que botan unha man aos demais, senón tamén exactamente o contrario. Ante a constatación dun importante medre nas tentativas de fraude e roubo de información e datos por Internet durante o Estado de Alarma que estamos a vivir, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) fortaleceu a colaboración que viña mantendo Centro Criptolóxico Nacional en materia de ciberseguridade. Fíxoo coa sinatura dun convenio formalizado pola secretaria de Estado Directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Paz Esteban, e pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
Segundo fixeron saber, o acordo establece un marco de actuación conxunta entre o CCN e a Xunta de Galicia para impulsar a protección dixital mediante o intercambio de información, formación especializada e proxectos tecnolóxicos.
O CCN e a Xunta comprométense a “incentivar unha política preventiva de seguridade, baseada na detección e alerta temperá de ameazas”. Ambas as institucións compartirán información e procedementos de detección, análise, resposta e resolución de ciberincidentes. Amais, o convenio establece que o CCN proporcionará toda unha serie de documentación sobre normas, instrucións, guías e recomendacións para a Administración con obxecto da súa adaptación ás contornas da Xunta de Galicia, así como a utilización de ferramentas de seguridade e produtos ou programas específicos.
Do mesmo xeito, ambos os organismos colaborarán na realización de auditorías técnicas ou de cumprimento sobre sistemas de información e en programas de formación enfocados á capacitación interna dos empregados de cada unha das partes e no fomento de boas prácticas en materia de ciberseguridade.
Como dixemos, este convenio vén a complementar a colaboración que a Xunta mantén con outras entidades estatais nesta materia como co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) co que AMTEGA tamén asinou un convenio o pasado mes de novembro para poñer en marcha de accións de capacitación e concienciación destinadas a cidadáns e empresas. Segundo fixo saber a axencia que dirixe Mar Pereira, a nova alianza entre o CNN e a Administración autonómica ten un especial significado “nestes días de crise sanitaria”, cando é tan importante levar a a cabo unha resposta global e conxunta ante os ciberataques, en particular aqueles relacionados co COVID-19 e o eido sanitario.
Accións da Xunta
AMTEGA tamén lembrou a completa listaxe de medidas de seguridade específicas impulsadas dende o inicio da actual crise, entre as que destacan o incremento da supervisión e as campañas de concienciación. Así, explica a axencia, “incrementouse a supervisión e vixilancia da seguridade, en particular dos accesos remotos corporativos que utilizan os empregados públicos que están teletraballando de forma excepcional desde a súa casa”. Estes accesos remotos vixíanse en detalle as 24 horas os 7 días da semana para detectar calquera problema de seguridade. Tamén se incrementou a vixilancia da ciberseguridade dos servizos de Administración Electrónica e outros servizos dixitais esenciais para a cidadanía e os propios empregados públicos.
Ademais, aumentouse a frecuencia das campañas de concienciación de ciberseguridade, con especial atención aos principais riscos existentes durante esta crise, por exemplo as campañas de correos maliciosos (phishing, virus en documentos adxuntos, etc.), que están a utilizar o cebo do COVID19 para enganar aos usuarios, co obxectivo de facerse coas súas credenciais de acceso ou de executar software malicioso tipo ransomware ou similar, cifrando toda a información á que ten acceso o usuario. Ao abeiro disto, enviáronse correos específicos de concienciación a todos os empregados e publicouse na web e na intranet corporativa información de seguridade relacionada con este tema.
AMTEGA xunta forzas co Centro Criptolóxico Nacional a prol da ciberseguridade
Compartir Este Artigo

