Avanzado xa o Estado de Alarma, a operadora galega R non levanta o pé do acelerador no que se refire a novidades e melloras de servizo para mitigar o confinamento e mellorar as opcións de lecer, teledocencia e teletraballo. Este venres 17 de abril presentou un acordo coa distribuidora de cinema A Contracorriente Films que incrementa o catálogo audiovisual (servizo rebobina) da operadora con 100 novos títulos.
Esta incorporación de novos filmes inclúe contribucións para toda a familia e únese a outras iniciativas previas de R para optimizar a súa oferta de entretemento nos fogares neste tempo de crise sanitaria.
De maneira automática
O especial de cine A Contracorrente Film Edition incorpórase á proposta televisiva da compañía galega de forma automática para todos os seus clientes con decodificadores 4K, “sen que estes teñan que facer nada”, sinala a empresa de telecomunicacións, engadindo que o especial abrangue un centenar de novos títulos de todos os xéneros, moitos deles premiados nos festivais máis populares e prestixiosos.
Ademais, os clientes de R tamén poderán gozar desta incorporación en calquera lugar e en calquera momento co servizo de televisión online TV Comigo, incluídas as persoas que neste intre, por mor do COVID-19, fiquen hospitalizadas, que poden acceder a TV Comigo de maneira libre e de balde.
Xunto a esta proposta, o operador galego lanzou no último mes algunhas medidas co obxectivo de axudar os seus clientes, como a incorporación á súa grella televisiva da canle Surf Channel, a emisión gratuíta de diversas canles de cinema para toda a familia, e a apertura de canles infantís para todos os clientes de televisión, con independencia do paquete contratado. A todo isto cómpre engadir a apertura do servizo TV Comigo a quen estea permanecendo en centros hospitalarios, un servizo que rexistrou un milleiro de activacións nos quince primeiras días de operatividade.
R reforza de balde o seu catálogo rebobina con 100 novos títulos de cinema
Compartir Este Artigo

