A Fundación Telefónica deu hoxe un novo e importante paso en materia de solidariedade anti-COVID, en colaboración coa Fundación La Caixa e co punto de mira nun obxectivo ben concreto: minimizar con equipamentos a fenda dixital provocada pola necesidade de facer realidade a comunicación dixital e avanzada en todos os fogares e residencias. O reto será abordado polas ditas fundacións co reparto de 5.600 equipos nas 17 Comunidades Autonómicas, en Ceuta e máis en Melilla. Farase a través do programa de educación dixital da operadora, ProFuturo. Polo que respecta á nosa terra, achegarase un lote de 150 tabletas a distribuír pola Xunta en residencias de maiores, persoas con diversidades e centros de menores. O obxectivo: facilitar a comunicación entre os residentes e os familiares.
Polo que se refire aos 5.600 equipos, a entrega completarase nos próximos días. Forman parte do equipamento tecnolóxico que ProFuturo desprega nos 38 países de Latinoamérica, o Caribe, África e Asia, onde desenvolve o seu programa co “obxectivo de achegar a educación dixital de calidade aos nenos e nenas que viven en contornas vulnerables”.
Distribución de máis de 1.000 cartóns SIM
Esta iniciativa súmase á distribución gratuíta en Galicia, posta en marcha por Telefónica en colaboración con Cisco e IBM, de 1.029 cartóns SIM con voz e 40 GB de datos e destinados a estudantes de Bacharelato e FP con poucos recursos, como unha maneira de “axudarlles a sacar o maior partido posible das ferramentas que facilitan o acceso a videoconferencias, material multimedia e material interactivo”.
A Fundación Telefónica doa 150 tabletas ás residencias galegas
Compartir Este Artigo

