A Universidade da Coruña tirará o máximo proveito das novas tecnoloxías para tender pontes co futuro alumnado. Farao a través dunha Xornada Virtual de Portas Abertas, na que a UDC mostrará as súas titulacións entre os vindeiros estudantes. Celebraranse os días 23 e 24 deste mes. A idea é desenvolver dixitalmente unha tradicional actividade que, por mor do Estado de Alarma, este ano non pode realizarse de xeito presencial. A Vicerreitoría de Estudantes puxo en marcha unha web para coordinar a actividade e informar dela.
A través desta páxina o alumnado de bacharelato, orientadores e profesorado de institutos, pais e nais e todas as persoas interesadas poden ver a oferta académica da UDC así como diferentes actividades da vida universitaria, referentes a cultura, deporte, cooperación e voluntariado, vida saudable ou medio ambiente.
Ademais a Universidade informa das opcións de aloxamento nas residencias universitarias públicas da Coruña e Ferrol, así como diversos servizos de interese para a comunidade de estudantes, como a Unidade de Atención á Diversidade, Espazo Compartido, os cursos do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa ou as actividades que, dentro da área de Emprego, promove a Universidade para facilitar o acceso ao mundo laboral das súas tituladas e titulados. Na xornada de portas abertas tamén se achegarán detalles dos mestrados da UDC, así como dos seus campus de especialización.
A Universidade da Coruña xa ten unha ampla experiencia neste tipo de actividades. Sen ir máis lonxe, en marzo participou na feira virtual Uniferia, de mestrados das universidades españolas, unha cita na que a UDC conseguiu situarse no oitavo posto das institucións educativas superiores estatais en interese pola súa oferta académica, con preto de 1.500 visitas.
A web está dispoñible tamén coas versións en español e inglés.
Chats coa UDC
As e os participantes na experiencia terán tamén a oportunidade de participar en chats en directo para resolver todas as súas dúbidas sobre a oferta académica da UDC, así como están previstas actividades participativas como obradoiros e retos. O alumnado interesado en participar pode acceder desde a dita web e tamén desde a aplicación móbil da UDC, para Android e para iOS.
A UDC organiza esta semana unha gran xornada virtual de portas abertas para futuro alumnado
Compartir Este Artigo

