O Concello de Lugo presentou o pasado venres un recurso tecnolóxico para contribuír á recuperación do comercio neste comezo da desescalada: a plataforma Abrindo Lugo. Segundo fixo saber a alcaldesa, Lara Méndez, trátase dunha iniciativa “destinada a impulsar a compra online” de produtos e e servizos lucenses, que ofrecerá bonos (xa hai 130 dispoñibles) con descontos de entre o 15 e o 40% para consumir “nunha gran variedade de establecementos cando reabran”. Na iniciativa xa están a participar 40 comercios do concello. A plataforma, impulsada polo Goberno local, vén da man da Federación de Comercio e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo.
Segundo avanzou a rexedora o pasado venres, xa se atopa en funcionamento a web abrindolugo.gal, estreándose “con moi boa acollida entre os comerciantes”, entre os que se contan locais hostaleiros, tendas de moda, papelerías, pasando por diferentes servizos como clínicas de fisioterapia, estilistas, planificadores de eventos ou tendas de fotografía.
Así mesmo, Lara Méndez lembrou que “hoxe, máis ca nunca, é momento de arrimar o ombro e aportar cada un, na medida das súas posibilidades, o seu gran de area para contribuír a salvar o comercio local”.
Esta plataforma enmárcase na campaña Lugo é Capital que ten en marcha o Concello a través da área de Desenvolvemento Local, a cargo do edil Mauricio Repetto, para dinamizar as compras no comercio lucense e potenciar a imaxe dos pequenos establecementos da cidade.
A través da web Abrindo Lugo os veciños e veciñas poderán adquirir tíckets ou bonos nas tendas, restaurantes, bares e demais establecementos participantes, que serán trocados cando se restableza a situación de normalidade. Así mesmo, para efectuar a compra non será preciso rexistrarse, “aforrando tempo e facilitando o proceso”.
Os comerciantes lucenses e autónomos interesados en adherirse a esta iniciativa poderán continuar facéndoo, “de xeito totalmente gratuíto, premendo nun botón específico”, situado na parte superior da páxina web, que conducirá ao formulario de inscricións.
Lugo activa unha plataforma para impulsar a compra en liña e consumir tralo confinamento
Compartir Este Artigo

