
A plataforma web i-Sherpa será a principal ferramenta operativa do proxecto Sherpa do Mar e o seu obxectivo específico é “facilitar o traballo dos mentores, emprendedores/as e empresas implicadas neste proxecto transfronteirizo deseñado para mellorar a competitividade dos sectores vinculados ao mar en Galicia e no Norte de Portugal”.
A ferramenta, entre outras cousas, servirá de soporte para a publicación de información sobre os proxectos de emprendemento que vaian xurdindo ao abeiro da iniciativa. A maiores, ofrecerá un espazo que servirá de punto de encontro entre ofertantes e demandantes de coñecemento no sector mariño-marítimo da Eurorrexión. Prevese, sempre e cando siga avanzando a actual desescalada da pandemia, que a plataforma estea operativa antes do verán para que, canto antes, apoie a creación de empresas na contorna mariña.
O proxecto Sherpa do Mar
Sherpa do Mar é un dos tres proxectos da convocatoria POCTEP 2019, co-financiado nun 75% polo FEDER, nos que a Universidade de Vigo é o principal beneficiario e no que Zona Franca participa como un dos nove socios cunha achega que roldará os douscentos mil euros.
O proxecto ten como obxectivo “crear e revitalizar unha plataforma galego-portuguesa para a promoción da competitividade no sector marítimo a través da promoción de novas iniciativas de mercado de base tecnolóxica con alto valor engadido”.
O proxecto está liderado polo grupo REDE da Universidade de Vigo e, xunto con este grupo de investigación, participan Campus do Mar e o Vicerreitorado de Investigación, o Consorcio Vigo Franca, a Axencia Galega para a Innovación (GAIN), a Universidade de Santiago de Compostela e A Coruña, entre outras entidades referenciais do noso país irmán.
A Zona Franca fai avanzar unha ferramenta de apoio ao emprendemento marítimo: a plataforma i-Sherpa
Compartir Este Artigo

