Un equipo formado por membros do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña participou nunha maratón informática europea para plantar cara, con tecnoloxías avanzadas tipo Big Data e Machine Learning, á actuar crise sanitaria e social derivada da COVID-19. Máis polo miúdo, participaron no hackathon europeo EU vs virus, organizado pola Comisión Europea a través do Consello Europeo de Innovación e en colaboración cos Estados membros da UE.
A quedada tivo o obxectivo de conectar á sociedade civil, innovadores, socios e inversores de toda Europa co fin de desenvolver solucións innovadoras para os desafíos relacionados co coronavirus.
O equipo no que participou o CITIC, baixo o nome Let”s move by the deconfining!”, estivo formado polo vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC e investigador do CITIC, Salvador Naya; a investigadora da área de Enxeñaría Nuclear da UDC, Sonia Zaragoza; a integrante a área de Proxectos Europeos de I+D da OTRI da UDC, Dores Pérez Brun; a responsable da Unidade de Proxectos Europeos do CITIC, Ana Almécija; e a enxeñeira aeroespacial de Airbus Francia, Blanca de la Iglesia.
Os participantes tiveron 48 horas para colaborar a través de diferentes plataformas online e construír unha solución ao abeiro das áreas de desafío. A proposta do CITIC foi o desenvolvemento dunha aplicación de software para facer monitoraxe do proceso de desconfinamento, baseada na análise de datos e en aprendizaxe máquinas. O vindeiro 30 de abril coñeceranse os proxectos ganadores nunha cerimonia de premios en streaming.
O CITIC participou nun hackathon europeo para crear solucións contra a COVID-19
Compartir Este Artigo

