O Consello da Cultura Galega, como cada ano por estas datas (e se cadra este ano con especial intensidade debido á imposibilidade de realizar actividades presenciais), está en envorcar esforzos para conmemorar anticipadamente o Día das Letras Galegas e divulgar a figura das e dos escritores que reciben homenaxe. Esta primavera é a quenda do autor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, que nos ofrece en varias quendas (primeiro en marzo co lanzamento dunha web e logo con diferentes publicacións de cartas de seu) a súa faceta máis persoal, íntima e cotiá grazas ao labor do CCG. Hoxe publicáronse online as súas cartas a amigos artistas e intelectuais do seu tempo, como Luís Seoane, Valentín Paz-Andrade ou Xosé María Álvarez Blázquez. Todo isto pódese ver na web do consello adicada a autor.
En total o publicado este mércores está constituído por dúas ducias de cartas nas que o escritor homenaxeado este ano nas Letras mostra emocións e sentimentos en primeira persoa sobre as circunstancias e avatares de Galicia ao longo do século XX e nas que, tamén, amosa as pegadas deixadas no máis fondo de seu pola represión sufrida durante o franquismo. Tamén intercambia poemas, referencias bibliográficas e información sobre os seus proxectos.
O epistolario con Otero Pedrayo
Este proxecto do CCG únese a outra iniciativa recente do consello para reivindicar e universalizar o legado de Carvalho Calero. A principios de abril, o Consello da Cultura Galega botou a andar un sitio web que ofrece información biográfica, fotografías e audios do homenaxeado e 167 cartas cruzadas entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carballo Calero. Segundo informa o CCG, é un dos epistolarios máis completos que se conservan xa que as misivas son case a partes iguais dos dous correspondentes (85 de Otero a Carballo, que están nos fondos do Parlamento de Galicia, por depósito familiar, e 82 de Carballo a Otero, que están na Fundación Penzol, por disposición testamentaria). Proceden dun período que vai de abril de 1949 a outubro de 1974 e permítennos coñecer a amizade entre as dúas figuras, o seu sentido de país e os proxectos comúns.
O CCG amplía a celebración virtual de Carvalho Calero coa publicación de novas cartas
Compartir Este Artigo

