
O Concello de Santiago anunciou hoxe, a través do seu alcalde Xosé Sánchez Bugallo, un importante investimento para reactivar o pequeno comercio de Compostela, moi afectado pola actual crise sanitaria e as medidas de restricións á actividade presencial que puxo en xogo o Estado de Alarma. Trátase de axudas para o pago de xuros en operacións de crédito, para a mellora e innovación do comercio local e para cheques de consultoría. En total, as tres liñas suman un crédito inicial de 410.000 euros, ampliable ata o millón de euros.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou estes tres programas e enmarcounos no conxunto de medidas destinadas ao comercio, “unha das cinco patas do Plan de Reactivación Económica”.
Lembrou que as outras catro “patas” son o emprego, coa posta en marcha dun completo programa de formación online; os/aes autónomos/as e as pequenas empresas, para as que se aprobará a primeira convocatoria a semana que vén; o turismo, cuxo plan foi presentado onte; e a cultura, con medidas que se darán a coñecer a finais da semana que vén ou comezos da seguinte.
Respecto das axudas para a mellora e a innovación do programa Coidar para mellorar, a convocatoria ten un orzamento inicial de 210.000 euros, ampliables a 600.000. Estas achegas “tratan de fomentar a cultura da innovación no comercio local como ferramenta fundamental para incrementar a súa competitividade empresarial”.
A convocatoria consta de tres liñas.
Na liña A desta convocatoria están incluídos os investimentos para a adecuación dos locais (obras de reforma; mellora de illamentos, equipamento e instalacións; substitucións de xanelas, portas ou outro tipo de mobiliario, elementos de iluminación ou rótulos comerciais); maquinaria e bens de equipo, incluídos os informáticos, e os relacionados coa actividade produtiva da empresa; periféricos e outros compoñentes; TPV integrados; paquetes de software de xestión, organización ou comercialización empresarial e licenzas precisas para a realización da actividade da empresa; ou outros investimentos en innovación relacionados coa incorporación de novos procesos, métodos de comercialización (comercio electrónico) ou de organización empresariais.
Na liña B figuran os gastos de comunicación en lingua galega, como honorarios profesionais para: o deseño ou actualización da imaxe corporativa; o deseño, redacción, programación ou xestión de calquera material comunicativo; os gastos relativos á produción e reprodución de materiais comunicativos; e os gastos de produción e organización de eventos comunicativos ou promocionais.
Na liña C están incluídas as axudas para gastos na adecuación dos negocios e en servizos profesionais relacionados coa innovación ou coa recuperación económica necesaria por mor da COVID-19. Poden ser gastos de asesoría financeira e laboral ordinarios ou extraordinarios; honorarios profesionais para o deseño de escaparates e servizos de mercadotecnica visual, ou para o mantemento e xestión de páxinas web, así como mantemento de redes informáticas e sistemas de xestión empresarial. Tamén se poden incorporar os gastos de mantemento de hospedaxe web e TPV virtuais, e os gastos correntes necesarios para a adecuación dos locais.
A través desta convocatoria poderase subvencionar ata o 80% do importe total do orzamento de gastos, establecendo unha contía máxima individualizada de 5.000 euros por liña, é dicir, 15.000 euros como máximo para o conxunto das liñas, por persoa beneficiaria.
O Concello de Santiago axudará ás empresas a dixitalizarse para superar a crise sanitaria
Compartir Este Artigo

