A Xunta e Google colaborarán na difusión e promoción internacional do Camiño de Santiago segundo avanzou hoxe durante a reunión telemática do Consejo Jacobeo, no que Galicia convidou ao resto de comunidades a sumarse a este proxecto do que están xa a definir as liñas de traballo desta colaboración que se considera estratéxica na proxección do Xacobeo 2021 e que se concretará na creación dunha canle de contidos que divulgue a riqueza cultural do Camiño na súa condición de Patrimonio Mundial da Unesco.
Trátase dunha canle que se abrirá na plataforma Google Arts&Culture, o proxecto cultural estrela de Google (no que, por exemplo, podemos atopar actualmente unha exposición sobre o Camiño de Santiago desenvolvida pola Fundación Catedral de Santiago), e que contempla a creación de exposicións interactivas, a dixitalización a grande escala de varios Camiños e dunha selección de monumentos e bens de interese cultural coa tecnoloxía Street View. Google está planificando o inicio das gravacións baixo a coordinación da Xunta, través da AMTEGA e a Consellería de Cultura e Turismo.
Conversas en inglés
Dende a Comisión Executiva do Consejo Jacobeo, celebrada a petición de Galicia, anunciouse a posta en marcha dunha nova iniciativa que permitirá mellorar as destrezas comunicativas en idiomas dos profesionais que traballan no Camiño. Para iso, ofreceranse conversas en liña con peregrinos de distintas partes do mundo que, ademais de mellorar as competencias lingüísticas, farán posible intercambiar experiencias.
O programa de conversas está especialmente deseñado para albergueiros e persoal responsable dos establecementos vinculados ao Camiño. Estableceranse conversas inicialmente en inglés (con posibilidade de estendelo a outros idiomas) con voluntarios de asociacións de amigos do Camiño de países de fala inglesa (Reino Unido, Estados Unidos, Sudáfrica e Canadá) ao redor de temática xacobea e vinculada ao Camiño de Santiago.
As persoas interesadas poden apuntarse de xeito gratuíto e obter máis información na páxina web do proxecto. Deberán contar cos medios tecnolóxicos axeitados, unha dispoñibilidade de tempo que contemple os diferentes fusos horarios noutros continentes e un nivel mínimo de inglés que permita practicar unha conversa.

