A Rede pasará á historia como o espazo común onde todos nos xuntamos e creamos durante o tempo de confinamento. A Universidade de Santiago foi, neste senso, unha das entidades que máis impulsou as palestras virtuais para os talentos e o lecer. Desta arela xurdiron iniciativas como as agrupadas baixo o cancelo #NósXogamosNaCasa, nas que participan alumnas e alumnos do grao en Educación Infantil (terceiro curso) creando recursos educativos e lúdicos en formato audiovisual destinados aos máis pequenos da casa. Contribúen con mancheas de pezas subidas a YouTube, onde teñen preto de 240 subscritores e onde superaron as 13.000 visualizacións.
O abano temático das contribucións é do máis amplo: baile, fogar, mímica, pintura, desinhibición, equilibrio, comunicación non verbal, relaxación, respiración, dramatización e ritmo son algúns dos temas desenvolvidos polo alumnado.
Esta iniciativa enmárcase dentro da denominada Aprendizaxe-Servizo (ApS), metodoloxía educativa que “integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade”, explica o profesor Javier Rico, responsable da materia Didáctica da Expresión e da Comunicación Corporal.
Un total de 42 mozos e mozas participan na iniciativa, aplicando os contidos adquiridos nesta materia, así como en Motricidade Infantil, impartida polo tamén profesor da USC, Geno Rodríguez.
Once listaxes de reprodución serven para estruturar os máis de medio centenar de vídeos subidos polo alumnado, así como por persoeiros de relevancia que quixeron amosar de forma pública o seu apoio a esta iniciativa.
O resultado de todos estes vimbios é a creación dun banco de recursos en liña e de balde que está a ser seguido por milleiros de persoas, entre as que se atopan a actriz María Castro, o humorista David Amor, ou a cantante Fátima Pego, que xa gravaron os seus propios vídeos ao abeiro de #NósXogamosNaCasa para manifestar publicamente a importancia deste proxecto.
Estudantes de Educación Infantil da USC fan ferver YouTube con ducias de vídeos para a rapazada
Compartir Este Artigo

