A empresa galega Coremain, con sede principal en Santiago, proseguiu durante o Estado de Alarma facendo avanzar grandes proxectos tecnolóxicos dirixidos a mellorar a xestión de todo tipo de servizos e infraestruturas. É o caso do novo sistema que a empresa compostelá está a desenvolver conxuntamente con Vexiza para a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), centrado no control e mantemento das obras de paso e noiros da rede autonómica de estradas, composta por un total de 5.500 quilómetros de extensión, dos que 170 correspóndense con pontes.
A solución tecnolóxica estará composta por catro módulos principais (módulo de inventario, de inspeccións, GIS e aplicación móbil) e permitirá, en palabras das empresas, “gardar información técnica detalla e moi exhaustiva sobre as obras, desde datos xeográficos, de construción, características e documentos, ata fotografías, ademais da súa xeolocalización nun mapa e a realización de cálculos de rutas específicos, por exemplo, con restricións de paso para transportes de cargas excepcionais”. Tamén fará posible a xestión, a planificación e o seguimento de inspeccións (principais, básicas e especiais) e de probas de carga, así como a xeración de fichas de avaliación ou informes, que inclúan datos esenciais como indicadores globais e valoracións de cumprimento.
Contará ademais cunha aplicación móbil que permitirá aos inspectores rexistrar información e fotografías das obras in situ durante os procesos de inspección.
Coremain desenvolve un sistema de control de obras de paso da rede autonómica
Compartir Este Artigo

