A pandemia está a deixar un ambiente de incertezas sobre a potencialidade das novas tecnoloxías para facer seguimento das persoas, co fin de loitar contra a COVID-19 a través dun meirande control dos fluxos de cidadáns. O debate está aberto e no punto de mira atópase unha liña vermella claramente delimitada, a partir da cal estariamos a introducirnos, segundo apuntan os expertos, máis alá do ético. Entre estes expertos atópanse investigadores da Universidade de Vigo, que veñen de lanzar un chamamento no que desaconsella firmemente a adopción inmediata de aplicacións para o rastrexo dixital de contactos na loita contra a pandemia.
O grupo de investigadores da UVigo, encabezados polo catedrático Fernando Pérez González, iniciou hai dúas semanas un intenso estudo sobre os modelos de protocolos (o centralizado e máis o descentralizado) para pór en activo ferramentas de pescuda dixital de contactos. Segundo fan saber, a investigación guindou conclusións claras: “Decatámonos de que unha vez eliminada a hipótese dun estado que actuase como Gran Irmán, modelo de ameaza do que parte o protocolo descentralizado, ambos modelos mostraban graves problemas que ían moito máis alá do debate orixinal, ata o punto de chegar á conclusión de que, na súa concepción actual, a súa utilidade é moi limitada”, explica Fernando Pérez, investigador do centro AtlantTIC da Universidade de Vigo.
Os investigadores da UVigo inciden no feito de que “boa parte dos defectos de ambos son consubstanciais á combinación duns requirimentos de privacidade moi esixentes cun estándar de comunicacións (Bluetooth) que nunca foi pensado para ese fin”. Así, “na raíz destas eivas atópanse uns requisitos de privacidade que non se poden acadar coa tecnoloxía Bluetooth Low Energy (BLE)”, sinala o catedrático, que lembra que xa hai países como Bélxica ou os Países Baixos que xa confirmaron que as van desbotar, mentres que outros como Suíza apostaron claramente polo modelo descentralizado e Australia tamén puxo a aplicación en marcha, preparándose para acadar a súa descarga masiva.
No estudo da UVigo, achéganse argumentos que xustifican que “tal como foron propostas”, as aplicacións de seguimento de contactos “non ofrecen unha garantía total de privacidade aos usuarios, nin son 100% robustas fronte a ataques maliciosos, algúns deles relativamente sinxelos de aplicar, con capacidade de se converter en masivos e con potenciais consecuencias moi negativas”.
Un dos grandes problemas, din, radica en que “a estimación da distancia á que están dúas persoas é moi imprecisa e faise en base á potencia recibida, que depende de factores como a orientación relativa dos teléfonos móbiles, se hai obstáculos e de que tipo e outros fenómenos relacionados coa propagación”, explica o catedrático da EE de Telecomunicación, que exemplifica o caso con dúas persoas cos seus móbiles nos petos dianteiros sentadas de costas a un metro de distancia (unha situación de claro risco). Estas dúas persoas, di, “recibirían a mesma potencia que sentadas de fronte a 10 metros de distancia (unha situación de risco nulo, cos estándares manexados actualmente)”. Segundo engade, o erro na medida está causado pola atenuación que os corpos humanos producen sobre os sinais transmisibles.
O investigador tamén sinala que o grao de adopción necesario para que o rastrexo sexa efectivo debe ser, segundo fonte solventes, maior do 80%, cousa moi complexa de acadar se atendemos ao que acontece en países moi avanzados tecnoloxicamente, como Singapur, onde o grao de adopción chegou ao 20%.
O estudo conclúe que a adopción destas aplicacións, sen consciencia das súas limitacións, pode conducir a una falsa seguridade que, unha vez refutada, acabe por converterse “nun elemento desincentivador para o seu uso”. Así, “desde unha perspectiva técnica”, os investigadores da UVigo desaconsellan “firmemente” a adopción inmediata de aplicacións de rastrexo de contactos en tanto non se solucionen satisfactoriamente os problemas identificados.
Investigadores da UVigo apostan por desbotar aplicacións de rastrexo dixital de contactos
Compartir Este Artigo

